Historia

1. ORIXES

A historia do edificio que hoxe denominamos Centro Cultural Marcos Valcárcel Deputación de Ourense remóntase ao ano 1893, cando a familia Simeón García puxo en marcha o seu proxecto de construción dun edificio nobre que albergara a súa próspera actividade comercial vinculada ao sector téxtil, e que lle serviu de plataforma para atender as demandas da provincia de Ourense e das localidades castelás veciñas.

Pouco imaxinaban os seus precursores que, co paso do tempo, o seu proxecto inicial acabaría albergando, no futuro, as dependencias dun centro cultural de referencia na nosa provincia, froito dunha institución local: a Deputación Provincial de Ourense.

Neste século e pico de avatares, tanto a cidade como o propio edificio pasaron por diferentes etapas. Despois que a esposa de Simeón García Olalla, Juana Branco Navarrete, desmontase a horta que posuía nesta leira, e tendo como mestre de obras a Antoni Serra i Pujals, a familia emprende a construción dun edificio que será sede dos seus negocios na cidade e que desde entón será coñecido como Edificio Simeón. As obras terminaron en 1897. O Edificio Simeón foi unha construción do seu tempo, un reflexo da intención de renovación arquitectónica e de progreso que imperaba por aquel entón en moitas das nosas cidades.

2. DEVIR EN ANOS POSTERIORES

Os usos do edificio foron moitos e diversos ao longo da súa historia. Ademais do seu uso comercial como sede do almacén de xéneros por xunto, o edificio albergou no seu segundo piso a sucesivas xeracións de apoderados de Simeón García e xerentes, existindo tamén no baixo cuberta unha especie de pensión para empregados da empresa. A principios do século XX, nunha parte do edificio, estableceuse na planta baixa o Banco Simeón, propiedade da mesma familia.

Pero cos anos o imperio Simeón foise afundindo, ata que o edificio ponse á venda e o banco pasa a outro inmoble propiedade de Simeón. No ano 1986, durante a Presidencia de Victorino Núñez Rodríguez, a Deputación de Ourense comprou este edificio, ao considerar a súa compra un bo investimento para o patrimonio provincial. No momento da adquisición deste inmoble non estaban claros os fins aos que se dedicarían as súas instalacións; con todo, a súa compra por parte da Deputación Provincial resultou unha excelente vía para que o edificio fose recuperado posteriormente e désenselle os usos que ten hoxe.

3. O EDIFICIO SIMEÓN, ESPAZO PÚBLICO

Previamente á súa reforma para actividades de carácter cultural e formativo en 1996, no baixo instalouse con carácter temporal a Escola de Artes e Oficios desde 1986. Entre 1987 e 1995 estivo situada no edificio a Escola Oficial de Idiomas, ocupando o baixo, parte das plantas primeira e segunda e do baixo cuberta.

Á primeira planta do edificio trasladouse en 1986 o Negociado de Enquisa, Infraestruturas e Equipamentos Locais, dependente do Servizo de Cooperación da Deputación Provincial. En 1990 e ata 1992, trasladouse tamén á primeira planta do edificio o almacén de arquivo da Deputación; e no segundo piso estivo situado o estudo dun pintor.

Así permaneceu o emblemático edificio durante case 10 anos, ata 1996, ano en que sendo xa Presidente José Luis Baltar Pumar, a Deputación Provincial de Ourense chegou a un acordo coa Xunta de Galicia, co fin de reformar este edificio para usos de carácter cultural e formativo. Pénsase entón nun edificio no que tivesen cabida tres áreas ben diferenciadas: a expositiva, a didáctica e unha terceira área para biblioteca, destinada á sede da Biblioteca Provincial. A área expositiva debería conter á súa vez dous espazos, un para a obra do gravador ourensán Xullo Prieto Nespereira e outro para exposicións temporais. A área didáctica tería espazos para cursos, talleres e reunións, e crearíase unha planta de soto para acoller un salón de actos.

4. A REFORMA

O proxecto de reforma foi levado a cabo, no ano 1996, polos arquitectos Javier Suances Matías e Javier Suances Pereiro, e a obra realizouna a UTE Simeón formada polas empresas COPASA e AGROMAN. A finalidade da reforma era esencialmente transformar un edificio que fora concibido para funcións comerciais, nun centro de cultura e formación.

Os arquitectos, motivados pola súa admiración ás minuciosas e elegantes labores de oficio existentes no edificio, decidiron acometer unha intervención respectuosa, na que se conservaron todos os detalles; e ao tempo trataron de conseguir un produto integrador entre pasado e presente, seguindo os procesos e conceptos da arquitectura moderna.

A apertura ten lugar no ano 2000.

Con Francisco González Bouzán na xerencia prodúcese un progresivo incremento da actividade expositiva, o que leva á habilitación dunha nova sala, a chamada Sala 0, no espazo orixinalmente destinado a cafetería.

O edificio foi así mesmo sede, durante un curto período de tempo, do Festival Internacional de Cinema de Ourense; e en 2007 faise efectivo o traslado da Biblioteca Provincial ao seu previsto emprazamento.

Esta é a breve historia dun recinto do que a cidade de Ourense séntese orgullosa: por ser capaz de construír esta beleza arquitectónica, conservala, recuperala e darlle hoxe un uso público de carácter cultural.