Héctor Francesch é un artista multidisciplinar feito a si mesmo cunha formación autodidacta. A súa gran inquietude investigadora e a súa responsabilidade foron as bases do seu proceso de formación.
“O principio nunca foi a punta nítida e precisa dunha liña, o principio é un proceso lento, demorado, que esixe tempo e paciencia, que tentea o camiño como un cego ata percibir en que dirección se quere ir” José Saramago, La Caverna.
A vida interior é un proxecto fraguado a lume lento. Unha serie, que ao longo destes tres últimos anos foi medrando e madurando, vencellada intimamente á experiencia vital e creativa do sempre inspirado Héctor Francesh, que como unha especie de alquimista inesgotable foille dando forma, modelando e moldeando, ata alcanzar o seu estado actual. Unha mostra coa que nos mergullamos no ámbito máis privado e persoal do artista, a través de escenas de interior nas que reflexiona sobre a identidade, o fogar, o traballo ou a pertenza, e nas que rende unha cálida e divertida homenaxe á vida cotiá, ao noso entorno e aos elementos materiais que o conforman. Todo a través dunha simboloxía común que vai do individual ao colectivo, do interior ao exterior, do persoal ao universal, que colle do presente inmediato a súa principal inspiración. Por iso, A vida interior non é unha serie pechada, con un comezo e un final preciso, senón que varios foron os principios e as motivacións que prenderon para levala a cabo, e varios son, tamén, os seus posibles finais. Participamos, aquí, dun xogo aberto en constante evolución no que as regras van mudando e adaptándose á realidade global, á experiencia do día a día, e tamén, por suposto, ao mutable proceso creativo de Héctor, sempre en constante ebulición.
Tamén é interesante observar que A vida interior é un proxecto que foi imaxinado, case de maneira premonitoria, pouco antes de que o mundo enteiro se vira forzado a confinarse no fogar debido á pandemia, o que levou a unha intensa reflexión sobre o sentido da vida e a unha profunda exploración do noso interior físico e psíquico. Un contexto que, sen dúbida, reforzou a idea e a esencia inicial dun proxecto que inevitablemente foi cambiando co paso do tempo, permeábel a novas realidades e sensacións. O tempo pasa, as experiencias cambian, a vida transformase. O resultado é unha manifestación artística que tamén convida a reflexionar sobre a idea dunha existencia inventada polo artista como unha forma de escapar da actualidade contemporánea. Nun mundo caótico, cruel e estresante, A vida interior preséntase como unha alternativa onde o irreal e o imaxinario se entrelazan para crear unha pausa, un respiro no medio dunha realidade atafegante. Unha versión moderna do mito da caverna na que o artista é completamente consciente da verdade de fóra e decide modificala ao seu antollo, creando un refuxio cheo de cor, de alegres personaxes, de obxectos recoñecibles, onde a mirada do espectador pode descansar e atopar calma no medio do caos exterior. E é, precisamente, nesta idea de refuxio onde atopamos outro dos comezos fundamentais da serie, que alude ao instante vital no que o proxecto artístico foi concibido. Refírome, aquí, á reivindicación, por parte de Héctor, da necesaria soidade do artista, de poder atopar tempo para gozar da tranquilidade e enfoque que experimenta ao traballar no seu estudio, onde o acto de crear se transforma nunha actividade meditada e dedicada que lle ofrece serenidade. No seu proceso de creación, a pintura é tanto unha disciplina emocional como un traballo físico, e ambas as dimensións son inseparables. É na soidade do seu estudio, illado do mundo, cando consegue que a mente e o corpo funcionen en harmonía, entrelazando de maneira equilibrada o quefacer manual, laborioso e artesanal da produción artística coa reflexión interior.
A propia pintura, a escusa de crear para pintar, é tamén outro dos motivos que dan lugar á serie. Unha disciplina que o propio artista considera crucial para o seu proceso creativo, e que na súa esencia máis profunda revélaselle como unha expresión íntima e poderosa de emocións. Cando Héctor se enfronta ao lenzo, non só aplica pinceladas de cor, senón que tamén transfire o seu estado emocional, os seus pensamentos e a súa enerxía ao medio artístico. A pintura convértese nunha forma terapéutica de expresión, unha canle a través da cal logra transmitir a súa mensaxe, a súa maneira de ver e entender as cousas, sempre dende unha óptica chea de positivismo, alegría e gratitude que impregna toda a súa obra. Ademais, a mostra inspírase nun tema clásico como é o bodegón, aínda que cun evidente marcado enfoque gráfico que toma elementos da arte urbana, o deseño e a ilustración, características distintivas da súa produción. Fusiónanse así tradición e modernidade, nunha clara homenaxe, non só á pintura, senón á historia da arte e a súa evolución ao longo do tempo; recoñecendo de forma natural que as influencias pasadas seguen sendo relevantes e que lle proporcionan unha base sólida sobre a que agregar a súa propia perspectiva e linguaxe visual. Vemos, así, como Héctor xoga coa simplificación dos elementos ao máximo, como estiliza os obxectos creando pezas abstractas que destacan pola limpeza das composicións, logradas a través do uso de cores vibrantes e liñas definidas. Combinacións que nos lembran, tamén, a deseños feitos con técnicas dixitais, ás que o artista fai referencia e utiliza na fase conceptual, o que acaba traducíndose nunha especial atención nos detalles e nos acabados, que deixa patente a súa constante procura pola perfección estética. Pero, con todo, a serie non acaba no medio pictórico, non se limita ao lenzo como fórmula exclusiva, senón que explora unha vertente expandida no seu aspecto formal que vai máis aló das convencións tradicionais da pintura. En lugar de adaptarse á bidimensionalidade da técnica, Héctor Francesch avoga pola procura constante na creación artística, o que lle leva a experimentar con materias e formatos, provocando, neste caso, unha evolución dos seus personaxes cara o ámbito tridimensional, mediante a súa transfiguración en pezas de ferro policromado. Un material que achega solidez e permanencia ao representado, ademais de agregar unha dimensión inequivocamente táctil á experiencia artística, creando unha conexión máis íntima entre a obra e o espectador, entre a pintura e a escultura, fusionando de maneira orgánica os límites tradicionais de ámbalas disciplinas. É a través deste xogo de soportes, onde percibimos, tamén, a vertente didáctica que nos propón o artista, poñendo en valor as ideas como parte indispensable do proceso creativo. A aplicación formal do concepto primixenio é unha decisión máis no proxecto artístico, descubrindo os diferentes camiños polo que unha mesma idea pode transitar.
Estamos, por tanto, ante unha mostra que destaca a capacidade da pintura para transcender a súa propia forma física e converterse nunha exploración da vida, a sociedade e a arte na actualidade, recoñecendo, á súa vez, o contexto dunha xeración e dunha realidade en constante cambio, así como o traballo artístico que o acompaña. Un orixinal convite para gozar dun universo único, diferente, que nos incita a perdernos por un lugar amable, no que a imaxinación e a creatividade florecen de maneiras sorprendentes. En definitiva, unha serie chea de vitalidade que leva a pegada inconfundible de Héctor Francesch, artista incombustible, sempre en constante aprendizaxe, que vén de celebrar os seus 25 anos de carreira artística, e que con esta exposición individual marca o comezo dun novo ciclo que se perfila tan frutífero como o anterior. Parabéns!
Comisaria: Matilde Rodríguez
Lugar: sala 1
Horario: Luns a venres de 11.00 a 14.00 h. e de 17.00 a 21.00 h., sábados, domingos e festivos de 11.00 a 14.00h.
Precio: De balde
Visitas guiadas:
Comisariado: Matilde Rodríguez
Esta exposición non ten ningún video asociado
Enmarcada no Ciclo de Conferencias de Outono do Musarq (Museo Arqueolóxico de Ourense).