UN MAR DE LIBROS

UN MAR DE LIBROS

ISABEL PINTADO


  • ¡Compárteo!

Textos da exposición

Entre natureza e cultura

Antón Castro: Comisario e Crítico de Arte

Cando un se enfronta á pintura de Isabel Pintado e aos seus libros de artista é imposible non transcender a consideración de idea de xénero formalista que o acto de pintar implica na dimensión máis clásica do cadro, para alcanzar un campo amplo de suxestións que inevitablemente nos leva á multiplicidade emocional, onde se esconde non só o feito creativo que nos fai pensar, senón tamén o incuestionable ritmo da poesía visual.

Cun Mar de libros, a artista réndelle un tributo á pintura dende ocorazón do mellor dos símbolos, o libro, o máis asombroso dos instrumentos do que dispón o home, segundo Borges. Porque, para él, o libro era a extensión da memoria e da imaxinación, unha das posibilidades de felicidade que ten o ser humano.

E no paradoxo borxiano de que un libro só o pode enriquecer e completar o lector, concepción non afastada do Duchamp que cría o mesmo da obra de arte -todo cadro está feito polos que o miran-, querería situar o enigmático encontro de Isabel Pintado cos libros, en tanto que a artista se reafirma máis na atmosfera das preguntas que subxacen no seu
exercicio de confrontación natureza-cultura, que no das respostas: conciencia de autenticidade, quizais reflexo do sentimento existencial que explica a súa devoción pola pintura, tal como a entende un dos seus grandes referentes internacionais, Gerhard Richter, cando nos di que se é presa desta bendita obsesión, mesmo cres que podes cambiar o mundo grazas a ela, pero se renuncias a esa paixón non haberá nada que facer…

Así vexo discorrer a conciencia sinestésica que trastorna sensaciónse reverte os sentidos na centralidade do libro, fonte de estados emocionais en virtude da cor (O libro rosa, Pensamento vermello, Chuvia azul) ou dunha simbólica luz (Aliceres de luz, Nocturno, Libros ao aire, Bosque de luz…) que nos remite ao paisaxe-natureza (incluíndo ao propio libro) como un estado da alma, ofrecéndonos unha maneira de percibir o tempo -así o fixeron os románticos- e o seu tránsito. Un acto de amor que outras veces me remite á literatura en estado puro no seu Soedade das letras, Xardíns de libros ou Contos de inverno, que, sen querer, me lembra aquela marabillosa fábula entre máxica e surreal de Mark Helprin, baixo a luz amortuxada e o peso do frío inverno de Nova York. Ou aos meus versos memorizados do primeiro poema do The Waste Land de Eliot, onde o vento inoído cruza a terra parda… Unha remisión sentida entre a sobriedade cromática e velada de verdes, azuis, grises, brancos, rosas e dourados tenues, diluídos no aire fresco de calquera momento, de calquera estación, percorridos, ás veces, polo leve toque do grattage ou dunha escritura que podería reafirmar a obra, segundo a filosofía de Cy Twombly, como pegada indeleble de acontecementos.

Reforzando o papel das súas atmosferas e a xestualidade dos seus espazos, Isabel Pintado terminará por integrar a iconografía dos seus libros, asimilados finalmente pola profundidade diluída da paisaxe, no amplo poemario lírico ao que somete o seu proxecto expositivo, como un todo, incluíndo os seus exquisitos libros de artista ou libros intervidos: un modelo que escenifica de maneira ideal, e en termos pictóricos, o debate
entre natureza e cultura.

A súa homenaxe ao libro -un libro lese para a memoria, insistía Borges- o é tamén á nosa identidade cultural e espiritual nun tempo estético definido agora, e dende sempre, pola procura da beleza, a aspiración ao sublime, a perda da inocencia e o rescate moral, “os catro alicerces que rexen a mesa na cal o artista senta para xogar a súa partida”, alicerces que definen igualmente o proxecto artístico de Isabel Pintado.

Currículum do artista