Nesta primeira exposición colectiva de proxectos de creación propia dos alumnos e
alumnas da Escola de Artes e Oficios de Ourense escollemos o concepto raíces.
Coincidentemente, neste 2025 o Día das Letras Galegas dedicarase ao cancioneiro
popular galego e ás cantareiras. Estes, xunto cas cantigas e cantos tradicionais, son un
patrimonio vivo que perdurou durante séculos, como tamén o son os oficios e as
disciplinas que nós traballamos. Un anaco dunha popular cantiga “a raíz do toxo verde,
é moi mala de arrincare”, parécennos uns versos moi axeitados para definir o que se
pode descubrir nesta mostra.
Nesta exposición, os nosos alumnos e alumnas dan un paso adiante na súa formación
como pintores/as e escultores/as en madeira ou en barro. O detonante foi a participación
nesta mostra e as únicas directrices son as de basearse no concepto escollido para
desenvolver unha obra propia.
Durante meses traballaron na creación dos seus proxectos persoais con todo o que isto
implica. O proceso artístico, que ás veces semella sinxelo, é un proceso complexo que
non só depende de habilidades técnicas ou dunha visión estética senón que, sobre todo,
precisa dunha fonda reflexión, moitas veces introspectiva que fai propio o concepto e o
material co que se vai traballar. Os bosquexos, as probas e o propio diálogo co material
fan parte desta viaxe que é a creación artística.
Dende a pintura, a talla, a olería e o modelado de barro, cada obra expresa unha visión
particular do concepto de raíces, dotando a esta exposición dun interese amplo para o
espectador e levándoo a un afondamento en cada obra e na psique humana; nesta mostra
unhas “raíces” poden ser unha lembranza cara a nenez, ou cara as representacións,
trazos característicos ou oficios dos devanceiros, así como ser un punto de reflexión
sobre os afectos, as inquedanzas ou a incerteza.
A terra física e simbólica está moi presente, a paisaxe que lembramos ou de onde
partimos é punto de enraizamento no que coinciden varias das obras pero tamén cabe
unha reflexión sobre a experiencia da migración como contraste cando temos que
desenraizarmos do souto onde nos criamos por necesidade e aquí as raíces tínguense
doutra emoción.
Dentro do imaxinario dos nosos e nosas artistas tamén atopamos visións cara o futuro,
como conexións de redes neuronais, que xeran tránsitos sobre a física cuántica ou as
intelixencias artificiais e propoñen cuestións sobre o futuro ao que nos levan as nosas
“raíces” como sociedade.
Noutra das vías que o noso rizoma de artistas escolleron atopamos pezas que
reflexionan sobre o propio pensamento dende a filosofía, ou dende as crenzas relixiosas.
Obras de alumnos e alumnas de materias diferentes xeran diálogos cas súas diferentes
visións sobre o mito e o logos e como a arte, dende tempos prehistóricos, é un medio
para expresar os pensamentos e desexos máis profundos da humanidade.
Atopámonos con outras obras onde as raíces son sinónimo de orixe, orixe do universo,
ou da evolución da vida no noso planeta ata chegar á visión da muller como orixe do
mundo lembrándonos a famosa obra de Courbet “L'Origine du monde”; nesta
perspectiva feminista achamos as orixes do universo que semellan óvulos medrando ou
un peito que aleita e que mestura a raíz da vida que é a nai xunto co rizoma que forman
as propias glándulas mamarias. Esta imaxe anatómica conéctanos ca outra corrente
desta exposición, as formas que nacen da abstracción organicista, neste conxunto de
obras, os e as artistas deixáronse levar polo aspecto natural e biolóxico que lles inspirou
o concepto e desenvolveron evocadoras formas abstractas ou próximas a abstracción.
Cada obra que se atopa nesta mostra colectiva é unha visión única, e a sinfonía que se
crea ca superposición de cada unha destas visións fai desta exposición unha gran
oportunidade de gozar da diversidade, algo que xa case é un trazo característico na nosa
Escola, onde se xuntan persoas de moi diversos perfís, dende nenos e nenas ata persoas
de máis de oitenta anos, xerándose así unha singular convivencia interxeracional ca arte
e os oficios como nexo común.
Así, como reflexo da propia Escola de Artes e Oficios, nesta escolma de artistas temos
dende unha escultura en madeira feita por un rapaz de 14 anos ata cadros e esculturas
feitas por homes e mulleres de mais de setenta anos.
Por último os mestres e mestras sentímonos moi orgullosos e satisfeitos da viaxe que
cada alumno e cada alumna realizaron para chegar á súa obra, e de ser parte disto
acompañándoos no seu proceso de creación. Gracias ás súas obras, aprendemos,
gozamos e emocionámonos.
Agardamos que esta mostra sexa unha raíz de moitas outras, e que a Escola e o noso
alumnado continúe medrando e creando. E que por moito que se procuren arrincar as
raíces da arte e da cultura en Ourense, como o toxo verde, nunca deixen de botar gromos.
Lugar: sala O e hall
Horario: Luns a venres de 11.00 a 14.00 h. e de 17.00 a 21.00 h., sábados, domingos e festivos de 11.00 a 14.00h.
Precio: de balde
Visitas guiadas:
Comisariado:
Esta exposición non ten ningún video asociado