NÉBOAS DE LUZ, UNHA MIRADA A GALICIA. COLECCIÓN CGAC

NÉBOAS DE LUZ, UNHA MIRADA A GALICIA. COLECCIÓN CGAC

Colectiva


  • ¡Compárteo!
Néboas de luz é a segunda exposición do proxecto Unha mirada a Galicia, que convida a percorrer a nosa historia da arte máis recente a través do traballo de artistas cuxas obras se foron incorporando á Colección CGAC nas dúas últimas décadas. Esta ollada, particular pero colectiva, logra entrelazar determinadas afinidades creativas sen por iso ocultar as disonancias co fin de debuxar unha cartografía, repleta de pliegues, dende a que asomarse aos modos de proceder, conceptualizar ou concretar a creación contempo- ránea galega. A selección de pezas mostra algúns de os enfoques narrativos, así como abordaxes plásticas, que foron construíndo parte da memoria visual da Galicia máis recente. Permite así un pequeno achegamento a tantas voces e sensibilidades que impulsan cos seus relatos múltiples aproximacións críticas coas que compartir cuestións de natureza social, histórica, política, identitaria ou artística instaladas no momento presente.
ARTISTAS
PABLO BARREIRO▪ANDREA COSTAS▪ TAMARA FEIJOO▪AMAYA GONZÁLEZ REYES▪MENCHU LAMAS▪JUAN LÓPEZ▪LORETO MARTÍNEZ TRONCOSO ▪ANA PÉREZ VENTURA ▪ISAAC PÉREZ VICENTE▪CARLOS RODRÍGUEZ-MÉNDEZ▪MAURO TRASTOY ▪CHRISTIAN VILLAMIDE

Textos da exposición

Néboas de luz é a segunda exposición do proxecto Unha mirada a Galicia, que invita a percorrer a nosa historia da arte máis recente a través do traballo de artistas cuxas obras se foron incorporando á Colección CGAC nas dúas últimas décadas. Esta mirada, particular pero colectiva, logra entrelazar determinadas afinidades creativas sen por iso agochar as disonancias co fin de debuxar unha cartografía, repleta de dobras, desde a que asomarse aos modos de proceder, conceptualizar ou concretar a creación contemporánea galega.

O título, Néboas de luz, parte dunha das pezas presentes na colección; a fotografía Vía Láctea (2004), coa que Andrea Costas fai referencia á lactación a través do mito da formación da nosa galaxia. Desde a Grecia clásica chéganos a historia da deusa Hera que, enfurecida ao se decatar de que estaba aleitando a Heracles, fillo froito da traizón de Zeus, retírao con violencia facendo manar o leite polo firmamento e dá orixe ao que hoxe denominamos Vía Láctea. Ocorre como na arte que, se ese primeiro pulo magnético da imaxe logra reternos a mirada, comezan a sucederse novas apreciacións e lecturas. Cando empezamos a ver multiplícanse as perspectivas. Algunhas serán de carácter metafísico, outras entregaranse ao gozo estético, aínda que a maioría das veces se produza unha interrelación.

Esta escolma de pezas mostra algúns dos enfoques narrativos, así como abordaxes plásticas, que foron construíndo parte da memoria visual da Galicia máis recente. Permite así un pequeno achegamento a tantas voces e sensibilidades que impulsan cos seus relatos múltiples aproximacións críticas coas que compartir cuestións de natureza social, histórica, política, identitaria ou artística instaladas no momento presente. Estes creadores e creadoras, cos seus medios e disciplinas, teñen a facultade de materializar o pensamento para despois cedernos o privilexio de compartir as súas inquietudes. Nesta elasticidade que permite a arte, imos atopar un tratamento plural das imaxes, en

ocasións evocador e abstracto, outras incisivo e irónico, ou contestatario co propio sistema. Haberá formulacións híbridas que opten por unha comuñón de disciplinas, ou pola súa expansión, tamén propostas que enuncian o proceso ou tratan de revelar as súas fisuras.

Como ese grupo de estrelas que deixa un ronsel mesto, unha néboa luminiscente, nesta selección de artistas e obras tamén se producen colisións e rozamentos que, inscritos desde os máis diversos rexistros, interactúan entre si e compoñen un mapa de inclinacións temáticas, sensoriais e perceptivas. Dalgún xeito, este proxecto expositivo simboliza esa mesma complexidade e riqueza, e pódese trazar así unha analoxía para falar de artistas que confirman a súa independencia pero tamén alumean xuntos, cruzando intereses e articulando un compromiso coa creación e a sociedade actuais.

Currículum do artista