Iago Eireos proponnos un proxecto expositivo sobre a idea de nación a través de intervencións artísticas que poñen en diálogo conceptos como memoria, historia, estado, goberno, bandeira, himno, territorio, fronteira, pobo ou cultura.
Dous conceptos que connotan e denotan, que son a un mesmo tempo “espazos tanxentes” e “espazos diferenciais”. Podemos dicir que territorio é unha porción de espazo pertencente a unha nación, rexión, provincia… Segundo Claude Raffestin “o produto que resulta a partir do espazo polas redes, circuítos e fluxos proxectados polos grupos sociais”. Polo tanto o territorio apóiase no espazo, pero non son termos equivalentes. O territorio é xerado a partir do espazo e é o resultado da acción dos distintos axentes, dende o estado ao individuo, pasando por todas as organizacións pequenas ou grandes, pola colectividade do individuo. Pero o territorio tamén se orixina no límite. Henri Lefebvre definiu o espazo como a prisión orixinal e o territorio como a prisión que o home se proporciona. É dicir, o termo territorio fai tamén referencia á noción de límite. Esta noción explica a relación que mantén un grupo cunha porción do espazo. A acción deste grupo xera inmediatamente a delimitación.
E neste “cruce de límites” encontramos a nación e as identidades nacionais, os límites territoriais e os Estados recoñecidos internacionalmente como tales, que son resultado de procesos históricos dinámicos, procesos cambiantes en continuo estado de conflito e tensión.
IAGO EIREOS (Lugo, 1980) proponnos un proxecto expositivo sobre a idea de nación a través de intervencións artísticas que poñen en diálogo conceptos como memoria, historia, estado, goberno, bandeira, himno, territorio, fronteira, pobo ou cultura. Este é un proxecto analítico, que se desenvolve a partir de interrogantes acerca da orixe da nación, dos seus elementos básicos ou diferenciadores, da relevancia da bandeira, de como se forxa a identidade dunha nación e que aspectos a configuran, de como se establecen os límites (físicos, políticos, xeográficos, culturais, económicos) sobre o territorio, etc.
Documentación e investigación derivan na experimentación plástica e visual a través dun despregamento técnico de multitude de disciplinas artísticas. O debuxo e o papel serán protagonistas nunha especia de arquivo documental, dun estudio de indagación científica e pescuda, en referencia a esa memoria colectiva e individual que revela as contradicións e tensións da historia dunha nación. O gravado, pola súa parte, será a testemuña da xeografía do poder, dos criterios políticos, lexislativos e normativos que ateñen a formación dun estado, producindo (e reproducindo) un dirixido orden social. Pintura e son serán os elementos que Eireos utiliza nas interpretacións dos conceptos bandeira e himno, como representación, icona e identidade. O territorio e a fronteira, o concepto do límite, estarán latentes a través da pintura en gran formato, onde a cartografía cambiante do mapa é a protagonista plástica. Mentres que os conceptos pobo e cultura serán traballados dende o eido audiovisual, sendo analizados valores, símbolos e discursos históricos que amalgaman e cohesionan a un grupo de persoas que comparten un territorio determinado, constituíndo un/o seu diferencial cultural identitario. En resumo, o proxecto expositivo “NACIÓN S.A.” de Iago Eireos orixínase no seu interese por reflexionar sobre a idea do límite, a fronteira e o conflito, a construción e reconstrución da nosa identidade (espazo-temporal), a nosa memoria e o noso imaxinario a través do nosoterritorio no mundo. Do noso “lugar” simbólico.
IAGO EIREOS 1980 (Lugo)
www.iagoeireos.es
Licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo no ano 2008, completa a súa formación académica orientado a súa especialización co ciclo superior de fotografía artística e o ciclo superior artes plásticas
en deseño do gravado e técnicas de estampación, ambos cursados na EASD.RF, mantén a súa busca como artista residente en diversos centros e universidades de España, Italia, Portugal e Rumania.
Obtivo diversos premios e bolsas artísticas que completan a súa formación, como o Premio Art&Environment Montalbano (Italia), Bolsa de creación RAM III (Portugal). Bolsa de residencia Fundación Bienal de Cerveira (Portugal). Representante “19 Rostros por Europa” Comisión e Parlamento Europeo, Bolsa Leonardo Da Vinci, Bolsa de residencia Plan de Movilidade Creativa, Bolsa Novos Valores 09, Bolsa Primeira Obra da Fundación Caixa Galicia, Bolsa Intracity_08, Bolsa Iniciarte da Junta de Andalucía ou a Bolsa Fundación Antonio Gala para Jóvenes Creadores.
Expuso en espazos como a Fundación Casa Pintada – Museo Gabarrón (Mula, Murcia), Cidade da Cultura GAIAS, Spazio d’arte Schema Polis (Italia), Centro Internacional Musibéria (Portugal), Espacio Santa María la Rica de Alcalá de Henares, Centro Espacio Joven de Valladolid, Centro Villa de Móstoles, Spazio Ottovolarte (Italia), Museo Camón Aznar en Zaragoza, Museo Provincial de Lugo, MuBAM, Museo de León, Casa de Galicia en Madrid, Sala AParte (Rumania) ou
no Centre Cívic Pati Llimona en Barcelona, entre outros.
Lugar: Sala 2
Horario: Luns e Venres: 11:00 a 14:00h e de 18:00 a 22:00 h Sábados, domingos e festivos: 18:00 a 21:00
Precio: Entrada de balde
Visitas guiadas: Baixo petición
Comisariado: Paula Cabaleiro