A figura de Leonardo Da Vinci (1452-1519) como músico é quizais unha das súas facetas menos coñecida aínda que sabemos que, como intérprete, tocaba viola de brazo. Nesta exposición recóllense varios instrumentos realizados en base ás súas notas e deseños. Tamén hai instrumentos da súa época e complétase co traballo do Obradoiro de instrumentos da deputación sobre o Pórtico do paraíso da catedral de Ourense.
A exposición “Leonardo, o músico”, promovida pola Deputación a través do Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, conta con visitas comentadas previa cita chamando ao 988317893 ou en centrocultural@depourense.es
Leonardo da Vinci nace o 15 de abril de 1452 en Vinci (Italia), a localidade da que tomará o seu nome para a historia, e falece en Amboise (Francia) o 2 de maio de 1519.
A súa figura como músico é quizais unha das súas facetas menos coñecida aínda que sabemos que, como intérprete, tocaba a viola de brazo. A maioría do que coñecemos en canto ás súas capacidades musicais áchase dispersa nos seus Cadernos de notas, compartindo lugar e temática con outros dos seus moitos intereses cuxo número e variedade producen vertixe. Estas notas conteñen incontables ideas, preguntas, experimentos, sensacións, anotacións, inventos e melloras que abranguen a práctica totalidade dos coñecementos da súa época, pero superándoos na maioría dos casos. O seu enorme interese pola música e pola acústica queda plasmado en diferentes lugares dos seus escritos, aínda que ata nós só chegou unha quinta parte deles, perdéndose ademais o seu libro sobre os instrumentos musicais.
Leonardo vivía a ciencia e as artes como unha soa materia imbricada na propia vida. Por isto, as súas reflexións, apuntamentos e investigacións musicais vense aplicadas a outras disciplinas científicas, axudándoo en moitos casos a avanzar en direccións moi distantes do nivel dos seus contemporáneos.
Nesta exposición veremos os instrumentos que Leonardo deseñou e os que se desprenden dos seus apuntamentos e notas, xunto aos que o rodeaban na práctica dos músicos da época. Así, xunto aos cromornos e aos cistros do Renacemento, poderemos admirar o órgano de papel ou a viola organista ideados polo propio Leonardo, pasando pola tromba mariña, o regal, a viola de chaves, as nácaras, etc.
Abandonémonos, pois, á contemplación destas magníficas ferramentas sonoras, froito da creatividade humana, que comezarían sendo un bosquexo debuxado a man alzada nun fragmento de papel, para se converter nos instrumentos que comunican unha das capacidades máis elevadas do ser humano: a emoción.
Lugar: Sala 0
Horario: Luns a venres: 11.00 a 14.00 h e de 17.00 a 21.00 h. Sábados, domingos e festivos: 11.00 a 14.00 h.
Precio: De balde
Visitas guiadas:
Comisariado: