INCENDIOS E SILENCIOS 2017-2020

INCENDIOS E SILENCIOS 2017-2020

MIGUEL MOSQUERA

En outubro de 2017, Galicia sufriu unha vaga de incendios sen precedentes. En apenas unhas horas, o lume espallouse por todo o sur de Galicia e cobrouse catro vítimas mortais, obrigando a evacuar pobos enteiros e barrios e parroquias do concello de Vigo, ademais de deixar unha paisaxe abatida difícil de esquecer.
O artista Miguel Mosquera (Ourense, 1953) faise eco daquel desgraciado suceso, e ofrécenos un proxecto expositivo no que, seguindo unha estratexia formalmente híbrida, entre a instalación, a poesía visual e o documento, constrúe unha crónica que, a partir dos datos obxectivos, apela á emoción para fixar o acontecido na nosa memoria colectiva.
Cunha ampla traxectoria que arrinca a finais dos anos sesenta en forma de pintura e que vai evolucionando cara á ensamblaxe e a colaxe, nesta exposición, Mosquera proponnos unha inmersión no sucedido, a partir do dominio lingüístico da ensamblaxe que agora expande, tanto fisicamente, ocupando as tres dimensións do espazo expositivo, como na maneira de materializar os contidos, combinando a obxectividade dos feitos, a maneira de cónica visual, coa subxectividade das implicacións emocionais que eses feitos transmiten e que posibilita o seu tratamento simbólico.
Con esta estratexia nos planos formal e argumental, Mosquera busca unha implicación do público, utilizando a linguaxe artística para facernos reflexionar sobre a problemática dos incendios forestais, infelizmente tan cotiá en Galicia e, cada vez máis ameazante, por diferentes causas ás que agora hai que sumar tamén a do cambio climático.
Subxace nesta proposta unha invitación á reflexión sobre a nosa relación co medio natural, pero tamén, sobre a relación co noso propio territorio como país e, como consecuencia, unha nada compracente chamada de atención, por unha banda, sobre a forma de construírnos como pobo, a partir dun evidente desapego co territorio e, por outra, con respecto a unha actitude en constante contradición entre o medio rural e o medio urbano, este último, un feito que define tamén unha contradición endémica entre a nosa cultura tradicional e a nosa cultura contemporánea.


  • ¡Compárteo!