Galicia, de Nós a nós

Galicia, de Nós a nós

Comisariada por Afonso Vázquez-Monxardín Fernández e Ana Acuña Trabazo, Galicia, de Nós a nós nace co espírito de servir como elemento que aglutine e reforce unha personalidade galega actual propia, ilustrada, universalista e aberta ás correntes de pensamento mundiais, como foi a emanada daquela iniciativa editorial nos anos vinte e trinta; ademais dar a coñecer en detalle unha revista que é un dos referentes imprescindibles da cultura galega do s. XX.

Galicia, de Nós a nós reúne máis de 300 pezas na mostra máis completa e ambiciosa sobre a Xeración Nós e convértese nunha das citas culturais imprescindibles. Exhibe obras procedentes de Francia, Alemaña e Portugal que poñen o foco nas conexións internacionais da revista e dos seus impulsores, abrindo unha vía para subliñar a dimensión de universalidade e apertura da cultura galega. Tamén para destacar o legado do grupo de intelectuais galeguistas que contribuíron decididamente nas primeiras décadas do século XX ao desenvolvemento, renovación e internacionalización da lingua e da cultura galega.

Despois de estar na Cidade da Cultura, esta mostra chega a Ourense con algunhas novidades e aportacións da cidade que foi o gran xérmolo desta xeración, clave para entender a idea de Galicia.


  • ¡Compárteo!