“Diario de artista. Buciños” é unha exposición na que se fai un amplo percorrido pola singular obra do escultor Manolo Buciños e na que se recolle tamén parte do seu obradoiro ou taller de artista. Comisariada por Cuqui Piñeiro, a exposición forma parte dun proxecto máis amplo que inclúe a edición dun libro, unha cea homenaxe e un faladoiro.
A Fundación Xoán Piñeiro presenta a I Edición do Diario de artista, dedicado aos escultores galegos coa intención de valorar o traballo recoñecible, pero tamén o silencioso e íntimo: velaí tamén o artista no seu medio. Nos fins desta Fundación está a valoración do traballo escultórico, tentando visibilizar todos e cada un dos aspectos da actividade plástica coa súa complexidade, procurando dignificar o traballo individual da creación, dándolle un maior alcance público e social. Somos sabedores da relación interminable de artistas dedicados á escultura que estamos obrigados a salientar. Iremos paso a paso.
Nesta primeira edición do Diario de Artista quixemos dedicarlla ao escultor Manolo Buciños.
Toda unha arriscada experiencia, porque Buciños ten unha extensa e sólida traxectoria que abrangue un capítulo propio na nosa plástica contemporánea. Escudriñar no seu mundo semella, cando menos, atrevido, pero a motivación para esta primeira edición estaba clara, Buciños é patrono da Fundación Xoán Piñeiro dende a súa creación en 1998. Así resolveuse unha escolla inevitable.
O proxecto desta primeira cita engloba tres acontecementos que tentan agasallar ao artista
e ao seu labor na plástica, case coma un desexo de reciprocidade para co noso patrimonio humano e artístico. Esta é unha das mensaxes que queremos transmitir nas nosas actividades e moi especialmente nesta: dar proxección pero tamén facer xustiza e corresponder a esa xenerosidade.
Unha exposición na súa terra, Ourense, no Centro Cultural Marcos Valcárcel.
O espazo convértese nun dobre escenario: o Taller e o Artista, ambos protagonistas,
buscando a simbiose de todos os elementos, os físicos, os reais, xunto a outros non tanxibles
ou desapercibidos para o público. A intervención inaugural da performance Ocos, de Cristal Méndez e Mercé de Rande, vai na mesma liña de transmitir ese ambiente, empregando medios creativos propios como a voz, a danza e o son. Reinterpretar a Buciños con outras formas de expresión.
Un faladoiro no Teatro Principal. Convidámosvos a asistir a unha conversa con Buciños de persoas que teñen anécdotas, sucedidos e experiencias próximas, que nos acheguerán á sensibilidade e visión do artista. Será unha conversa conducida polo xornalista e escritor Camilo Franco, bo coñecedor do artista. A representación neste magnífico teatro ten tamén un magnífico comezo coa intervención escénica, musical e videocreación de Cinta Adhesiva: Buciños ou modelar o amor co vento, un poemario de Silvia Penas. Con esta actuación queremos achegarnos ao sentir colectivo de apoio e defensa das artes escénicas, unha boa mostra da nosa riqueza cultural.
Un libro, Diario de artista. Buciños. Unha achega á vida mesma, unha escolla de lembranzas… Reportaxe fotográfica do artista e do taller. Obras, monumentos, espazos, ambientes, unha relación documental, todo arredor das palabras do escultor nunha longa entrevista de Camilo Franco. Para rematar os actos do Diario de Artista farase entrega do libro a Buciños nunha cea pública no Liceo de Ourense. Polo prezo do menú, os asistentes recibirán un exemplar do libro
numerado, nunha tiraxe limitada, de 0 a 700. Para a Fundación Xoán Piñeiro o Diario de Artista é coma un punto de partida. Dende aquí, reivindicamos a importancia da investigación en monográficos sobre a nosa plástica. É un comezo.
Lugar: Sala 1 e Sala 0
Horario: Luns a venres: 11.00 a 14.00 h e de 17.00 a 21.00 h. Sábados, domingos e festivos: 11.00 a 14.00 h.
Precio: De balde
Visitas guiadas:
Comisariado: Cuqui Piñeiro