Manuel Fernández Pacheco (Madrid 1949)
Maribel Outeiriño (Ourense + 2009)
COFEPO (Colección Fernández-Pacheco Outeiriño) é unha coleccción permanente de trens escala H0 integrada por máis de 5.000 pezas, máis de 300 libros, folletos, revistas, catálogos e vídeos sobre o tema. Foi reunida polo matrimonio Fernández Pacheco - Outeiriño, e tivo o seu comezo na apaixonada e ininterrompida afección de Manuel Fernández Pacheco polos trens desde a súa infancia.
Unha boa colección só se fai con tempo, constancia, entusiasmo e folgada economía. Manuel tívoo todo. O seu pai regaloulle o seu primeiro tren –que aínda conserva en perfecto estado– cando tiña cinco anos; e el manterá e cultivará esta afección durante sesenta anos, contando coa espléndida axuda da súa esposa, Carmen Outeiriño. Ambos cederon a colección á Deputación de Ourense nun xeneroso xesto.
A colección ocupa desde 2002 unha superficie de 500 m2 na segunda planta do edificio, o que a converte na única colección de trens desta categoría exposta permanentemente en Europa.
Os trens están expostos en orde cronolóxica co fin de que os visitantes, sobre todo os nenos, poidan coñecer a evolución e o progreso tecnolóxico que experimentou o ferrocarril desde os seus inicios coa locomotora de vapor, pasando pola electricidade e o gasoil ata chegar á alta tecnoloxía do AVE.