Mon Devane é un artista urbano nado en Ourense en 1985 que utiliza o spray como principal ferramenta en todo o seu traballo artístico desde o ano 2003.
De raíces graffiteiras, comeza pola vella escola, explorando distintas posibilidades a través de formas, letras… pero a implacable procura dun estilo propio leva cara a unha marcada etapa cuxa obra adquire un carácter realista.
Actualmente a súa pintura céntrase na realización de retratos a través dun estilo fotorrealista e monocromático. Traballa sobre grandes formatos, onde se magnifica cada detalle, buscando transmitir miradas que conten cousas, vidas, tradicións e historias.
Desde o ano 2016, participa en gran número de eventos e festivais de arte urbana por todo o mundo, plasmando a súa obra en países como Estados Unidos, México, Xamaica, Bolivia, Uruguai … mesmo nos Emiratos Árabes.
En marzo de 2021 inaugura a exposición «As Estrelas do Camiño» comisariada pola cervexeira Estrella Galicia, unha enorme galería artística, con máis de 140 km de percorrido ao longo do Camiño Francés que cobre as 7 etapas que van desde O Cebreiro, ata Santiago de Compostela.
Actualmente compaxina a súa faceta como muralista co traballo de estudo no que desenvolve a súa obra propia.
Escribiu Víctor Hugo sobre o polbo que o animal parece un paraugas pechado cando nada. E quizais pola nosa estreita relación cos paraugas, aos galegos únenos un vínculo cos polbos que transcende o gastronómico e chega ao emocional. Non hai casa na que non se servise, non hai celebración que non presidise. Os polbos son parte arraigada da nosa tradición, da nosa cultura e do noso ser. Por iso o polbo, como icona de toda unha comunidade, é o protagonista da exposición “Pulpezas”, do artista Mon Devane.
Os murais de Mon Devane xa forman parte da paisaxe urbana galega, como o fan hórreos, cruceiros ou pazos. Pero nesta mostra o artista ourensán vai un paso máis aló na súa creación, explorando novas técnicas e volumes, abordando con novos materiais o diálogo visual entre a natureza e o imaxinario cultural galego, sempre presente na súa obra.
A exposición inclúe oito pinturas e oito esculturas, como oito son os tentáculos do polbo (e tres os seus corazóns, que non hai animal con maiores e mellores corazonadas). Nas pinturas, o artista emprega trazos fluídos e cores suxestivas. As esculturas, pintadas a man, amosan ao animal expandíndose no espazo, coma se tratase de abrazarnos. En ambos os casos, pintura e escultura, deixa Devane a súa marca de muralista impregnando as texturas con palabras a modo de tags propios do graffiti.
O polbo como inspiración, marca e identidade. Non fan falta aceite, cachelos ou pemento, nin sequera fai falta pan para sentir que esta é unha exposición que merece ser degustada.
Lucía Taboada
Lugar:
Horario:
Precio:
Visitas guiadas:
Comisariado:
Esta exposición non ten ningún video asociado
Promove Deputación de Ourense.