O curioso caso dos que se acharon sen remedio esforzándose por non comprenderse dicindo o mesmo.
Era unha vez uns peixes
Tíñano todo claro
O que?
Todo
Todo claro coma a auga!
E eran outros peixes
Todo o tiñan claro
Igual que a auga
Tamén?
Todo?
Todo claro coma a auga!
Que claro o temos todo!
Que claro o temos todo!
Que claro o temos todo!
Que claro o temos todo!
Mirade
Por aí achéganse uns
A onde pensarán ir eses coitados?
Eh!
Nada de interese me podes contar
Adeus palimoco mellor coma: Adeus, palimoco
Era unha vez eses peixes
Que dando a volta mellor en minúscula
eran os outros
O que?
Os outros
Eran coma os outros
Xa van coma nós
Somos irresistibles
Que poder de convicción
Eh! Esperade, podedes vir
Vide!!
Agora chámannos de volta
Somos irresistibles
Imos, logo
Pensárono mellor
E outra vez eran os peixes
Sendo igual por un lado iguais
Eran distintos polo outro en minúscula
O que?
O que vedes e veredes
Isto que é?
Outra vez coma antes
Sodes incorrixibles
Adeus!!
Fanáticos
Dicían mesmo
Volta a folla
Hai quen desfruta
E coñece as augas nas que nada.
Xosé Poldras, abril 2023
SEN DIÁLOGO…ONDE IMOS?
1.
Estes versos nacen no reverso
das frías augas de Galicia
cando toda feble delicia
se confrontaba ao perverso
A metáfora nace nuns peixes
saudados todos por dúas cores
verde e vermello sen seren flores
nadaban ignorantes dos eixes
2.
Orgulloso cada peixe de ser igual
a quen o guiaba entre as ondas
a quen o protexía das hordas
dos desiguais no cotián ritual
de afrontar toda dificultade
Vivían felices baixo a cor do bando
con temor só a se a marusía roulando
escachaba aquel o soño de liberdade
3.
Por ignorante prodixio da natureza
os ollos mandaban dúas informacións
diversas e sen tempo para reaccións
e incapaces de asociaren con afouteza
aquilo en pensamento asociativo
todo encontro era un disparate
de silencios desconfiados e sen debate
éralles todo sempre moi negativo
4.
Coma un presaxio que anuncia dor
o guia do grupo o primus inter pares
frontando o lider do bando dos dispares
en mudo ollar lanza o seu rancor
‘Quérennos enganar’ pensou sen falar
‘Vannos enfastiar’ gardou o outro en si
e os verdes en anoxo dan volta e así
ante os ollos os peixes hanse igualar
5.
‘Pero…son coma nós’ o líder rumiou
‘Eh…volvede, somos iguais, falemos’
‘Será certo?’ pensou ‘veña parolemos’
no xiro de novo aquela cor mudou
fronte a fronte os iguais dispares
renuncian a falar e rexos fítanse
non queren aprender e rétanse
e co agoiro xiran e coma disfraces
6.
de novo perciben que son iguais
Mais o nordés da implacable invernía
axita o vagallón con toda aleivosía
e cada onda failles ver o mortais
que son apúrraos contra o con
aí onde o sentido da vida emerxe
e co medo a varar no coído converxe
o abalo devén en facer si dun non
7.
‘si…si falemos’ ‘si…si parolemos’
abouxaron un e outro asemade
e con inesperada claridade
a fala iniciouse cun ‘pensemos’
Urxente era despois daquel vento
virían as zarandas e as dornas
tiñan que nadar entre solpor e luzadas
e vixiar os ronseis e fuxir con tento
8.
‘Non sexamos relato dunha creba’
O diálogo fixo ponte de encontro
atopar un refuxio salvador dentro
dun mar sempre vivo e alerta
No adro da palabra habita a razón
os líderes pensaron falando co outro
e do desigual crearon o igual logro
e acerto do diálogo que crea unión
Xabier Ron
24-marzo-2020
EN CÓMPLICE IRMANDADE
CELIA DÍAZ NÚÑEZ
Avanzan xuntos en feliz compaña, nun cardume relucente e ledo.
Desprazan ao unísono os seus corpos nun compás demorado e executan unha mesma coreografía, idénticos escorzos multiplicados.
O verdor intenso das escamas é o trazo que mellor os define. Un reflexo esmeralda, quizais xade, tal vez oliva ou menta, expándese ao seu paso.
Navegan todos en compacto grupo, en bandada alegre e rebuldeira.
Múltiples seres idénticos desprazándose con movementos sincrónicos en perfecta cadencia subacuática.
O resplandor vermello dos seus torsos é ben perceptible xa desde a distancia. Un halo framboesa e rubí, tamén un chisco alaranxado, escintila segundo se aproximan.
Atópanse de pronto, fronte a fronte. Un encontro fortuíto, tampouco desexado.
Fítanse os dous grupos, expectantes, coa prevención dos que rexeitan, ou se cadra temen, aos que son distintos.
—Quen sodes? Por que interrompedes o noso paso? —di o xefe da manda, exhibindo con fachenda o fulgor esmeralda do seu talle.
—Que facedes aquí? —replica o opoñente, amosando o brillo encarnado do seu lombo.
—Nada temos que dicirvos.
—Nada voso pode interesarnos.
E xira altivo para regresar cos seus conxéneres. Toda a manda a un tempo vai pegando a volta, disposta a afastarse e continuar camiño en harmoniosa unidade. Mais, ao virarse, faise visible a cor vermella que tamén refulxe nos seus corpos.
—Agardade! —berran desde o outro bando, felices pola coincidencia insospeitada— Como non o dixestes antes? Sodes coma nós. Volvede, camaradas!
Un a un van dando a volta para reencontrárense. Mais, daquela, revélase de novo o nítido verdor dos seus corpos e faise aínda máis patente o contraste co roibo resplandor que emiten os do outro lado.
—Somos diferentes —proclaman uns cun ollar de desprezo.
—Distintos, si —confirman os outros con crecente hostilidade, ao tempo que inician a retirada.
Mais, entón, son os seus lombos os que amosan un reflexo esmeralda moi parello ao dos contrarios.
—Ei, amigos! Agardade! —retrucan compracidos pola nova afinidade— Sodes iguais ca nós! Vide! Seremos todos uns! Compartamos viaxe.
De novo fronte a fronte esculcan cada detalle á procura da semellanza desexada.
—Mais non… Simples aparencias!
—Eu non o teño claro…
—… ??? …
—Tan só un espellismo. Se miramos ben, é doado percibir as diferenzas.
—Somos diversos.
—Discordantes.
E Bla, Bla, Bla… seguiron discutindo, debatendo, discrepando… Glu! Glu! Glu! Boh! Bah!… sen entendérense. Pechados na súa burbulla, alleos a todo o que os une, convencidos de todo o que os afasta.
De pronto, un tiburón inmenso cobre de azul prateado o océano.
Cimbra con enerxía a súa cola e as augas axítanse nun tremor crecente.
Os seus ollos sorrín satisfeitos porque nada eclipsa o sinuoso bambeo do seu torso nin a estilizada elegancia do seu corpo de fuso.
Foxen de contado os outros peixes. Paso libre para o rei dos mares!
De par del, un peixe ben pequeno batuxa moi contento. O seu corpo miúdo espalla un fulgor iridescente. E prosegue a animada conversa que veñen partillando.
—Gústanme as túas aletas grandes, poderosas.
—E a min o teu corpo áxil, tan cativo e lixeiro.
—Treparei polo teu lombo ata conquistar o cume.
—Hasme facer cóxegas coas escamas.
—Poderei tamén arrandearme no bambán da túa cola.
—Encántame a túa risa leda e a voz suave con que me falas.
—A min divírtenme as historias terribles que me contas.
E xuntos seguen camiño, compañeiros gozosos de viaxe.
Discordantes, pero harmónicos.
Diferentes, pero complementarios.
Distintos, pero cómplices.
Dispares, pero aliados.
Lugar: Sala 0
Horario: Luns a venres de 11.00 a 14.00 h. e de 17.00 a 21.oo h, sábados, domingos e festivos de 11.00 a 14.oo h.
Precio: De balde
Visitas guiadas:
Comisariado:
Esta exposición non ten ningún video asociado