ARQUITECTURAS

ARQUITECTURAS

NURIA LAGO

No seu proceso de investigación permanente, Nuria Lago elabora un proxecto exclusivo coa súa obra máis recente, marcada polo seu mundo sensorial e emocional onde combina lirismo intimista con enerxía.


  • ¡Compárteo!

Textos da exposición

“Arquitecturas” é un proxecto que nace tras o estudo e a reflexión sobre a resiliencia do ser humano ante a adversidade; esa capacidade ilimitada de seguir non só superando o acontecido, senón saindo fortalecidos/as, aprendendo da experiencia, en definitiva, medrando.
Despois de eventos vitais traumáticos, cada persoa atopa o seu propio xeito de superarse, de continuar coa súa vida, a pesares da dor. A cuestión é que superar o sufrido é imposible, se non hai un punto final; se non se deixa atrás esta etapa vital.
Non se pode encertar un novo camiño se un antigo non está rematado. É preciso reconstruirse, tras unha especie de purga, dunha limpeza interna; un renacemento; unha nova cosmovisión; presentarse ante o mundo renovados/as, remodelados/as. Este proxecto aborda o feito de como a vida pon a proba en múltiples ocasións a capacidade resiliente e de adaptación do ser humano e de como este resposta ás pegadas que as vivencias van deixando na súa historia vital.

Arredor de “vivir” xiran conceptos como o movemento, a transformación, os cambios, o efímero, as sesnsacións, emocións, os sentimientos. Vivir, polo
tanto, require do ser humano apertura, curiosidade, aceptación dos cambios, capacidade de improvisación, tolerancia á frustración,…en definitiva, flexibilidade. E dita flexibilidade non ten que ver co aspecto externo, senón co de dentro; coa capacidade de mover, de remodelar, aspectos internos, reconstruíndose un/unha, para seguir vivindo.
De aquí é de onde parte o proxecto “Arquitecturas”, da concepción da vida como unha viaxe sen destino definido, que por ende, require do ser humano capacidade para facer paradas inesperadas e cambios na ruta prevista, tirando da súa resiliencia innata, pero que, ás veces, está atrofiada pola impronta cultural. “Arquitecturas” trata de recoller a expresión desta capacidade humana de reconstruirse, pero dun xeito aberto e ilimitado, xa que podería ser autolimitante construir dun xeito absolutamente definido e rematado a arquitectura da nosa vida; podería supoñer imposibilitar, ou dificultar, incluso facendo traumáticos, os cambios inherentes á mesma, que habitualmente, implican crecemento. Manifestaríase o bloqueo, ficaríamos no estático, enfermaríamos, probablemente.

Nuria Lago.

Currículum do artista