DIMENSIÓN SOCIAL DUNHA ERÓTICA DA ARTE

DIMENSIÓN SOCIAL DUNHA ERÓTICA DA ARTE

CÉSAR TABOADA

César Taboada.

Dimensión social dunha erótica da arte

“Quero ligar diferentes culturas nun século XXI que está asistindo ao cambio de roles e tipos de vida nalgúns lugares onde conviven a riqueza e a pobreza…” (César Taboada)

Hai aproximadamente dez anos escribín un texto que servía de prefacio a unha exposición de César Taboada en Santiago de Compostela, ‒”La pintura y la experiencia del viajero. La música de Epicuro”‒, no que, desde a súa conciencia de outsider en soidade, consolidaba un proxecto iniciado moitos anos antes e cuxas claves partían, ao meu entender, dunha experiencia vivida como biografía íntima, nutrida naqueles e daqueles lugares que formaron e forman parte do seu amplo abano laboral no ensino da arte, como trotamundos, particularmente no territorio oriental e nos países do Golfo, desde Xapón a China ou India e desde Turquía a Dubai. De aí a pertinencia da cita que encabeza esta análise nada pretensiosa, onde o autor fai unha declaración de intencións que redefine unha conciencia crítica e o papel da súa pintura nun momento no que as poéticas artísticas deben alzar a voz, pensando que calquera dimensión estética autorreferencial de raíz kantiana non pode sobrevivir sen facer explícitos uns obxectivos éticos que axuden a comprender o mundo no que vivimos.

Sigo pensando, como entón, que César Taboada articula en termos lingüísticos, un elocuente discurso narrativo que fundamenta, desde a súa facilidade para o debuxo, nunha neofiguración transgresora que ilumina espazos simbólicos e cálidos como a secuencia do seu cromatismo, ás veces incendiario, espazos polos que descorren relatos imaxinarios e reais, metonimias displicentes que reclaman a consideración da arte como xogo e festa, as armas imprescindibles na estética da hermeneuse de Gadamer. Calidades que foxen da arbitrariedade e cimentan, máis alá das aparencias, un rigor no compromiso da súa mirada para interpretar a mestizaxe e os procesos de hibridación da atmosfera política e cultural que nos tocou vivir, iso si, no seu caso desde o confeso amor a un Oriente que albisca na prevalencia dunha beleza convulsa, non moi afastada da que o recoñecido crítico e filósofo do reencontro co fermoso, Dave Hickey, vía como instauración dunha conciencia positiva da nosa interdependencia física co mundo, máis alá de nós mesmos. Presentimento que vén reafirmar a relación do corpo coa estética. Particular reivindicación dos valores corporais e orxiásticos –aveludada na dimensión crítica dos personaxes burlescos de César Taboada‒ que defende Octavio Paz como débeda da versión luciferina da modernidade que tivo que enfrontarse á ética capitalista, que condenara o corpo ao traballo tanto como a reprimir os seus desexos2. Porque se trataba de rescatar esa corporalidade da humillación que supoñía a súa lexítima dimensión pracenteira, posto que condenar o pracer, na óptica do escritor mexicano, supoñía condenar a imaxinación e a rebeldía que se lle supón á arte, poética que non se afasta da presunción da Susan Sontag que nos lembra que en lugar dunha hermenéutica necesitamos unha erótica da arte.

E nese territorio quebrado entre ética e estética deberiamos considerar a mirada narrativa do artista que tampouco foxe dunha evidente carga erótica, redimida por uns personaxes cheos de tenrura, reforzados por unha sutil ironía e un humor retranqueiro: figuras dun relato que van dando forma á secuencia proxectual dunha historia cálida e crítica que, desde hai anos, trata de contarnos a vida acudindo a eses espazos íntimos da imaxinación, encerrados tantas veces na xeometría ou na arquitectura das súas composicións precisas. E sigo pensando, tanto tempo despois, que o fío condutor que enlaza o proxecto que nos ocupa, sería inintelixible sen ter en conta que para César Taboada a pintura é, en termos gadamerianos, un xogo e unha diversión, e máis alá da secreción da sensualidade que nos transmite, tamén un xeito de axudarnos a percibir o mundo cos mesmos ollos de pracer, optimismo e felicidade con que el o fai. Orixe, tal vez, dunha pintura musicalizada que somete a unha terapia rítmica e fónica –escribíao hai anos‒, transcrita na polivalencia cromática e nun debuxo preciso, influenciado pola cor e o sabor dos territorios culturais dun Oriente tan mítico como real que viviu con paixón. Un escenario que sucede no presente como tempo elixido, ese tempo que é o da presenza e o corpo que, para o citado Octavio Paz, trataba de facer visibles os valores poderosos do agora instantáneo que se impoñen en cada período que vivimos, incluso nas revoltas dos países periféricos da visión eurocéntrica –os máis próximos por sensibilidade ao noso artista‒ ou na rebelión das minorías sexuais e do movemento femenista.

X. Antón Castro


  • ¡Compárteo!