O LUGAR INTERMEDIO

O LUGAR INTERMEDIO

CONSULEO CHACÓN


  • ¡Compárteo!

O LUGAR INTERMEDIO
Consuelo Chacón

Existen lugares fisicamente habitables e existen outros aos que só podemos acceder desde a memoria, a imaxinación ou o desexo. A obra de Consuelo Chacón xera pontes entre estas dúas percepcións (as dúas igual de reais) sobre o espacial, coa vontade de ofrecernos outras formas de construír intersubxectividade e de morar no mundo.

O lugar intermedio alude ao espazo que determina a autonomía das cousas, a vacuidade entre elas e a súa potencial tensión, que se configura por diferentes planos de realidade. Trátase de, como fai notar Foucault: “pregar a liña para chegar a vivir nela”, establecer un crecemento non por expansión, senón por procesos continuados de acumulación e síntese: pregue sobre pregue, memoria sobre soño, sobre experiencia; configurando un lugar a medio camiño entre o físico e o suprasensible. Esa tensión, que se sitúa no “entre”, é precisamente da que esta exposición nos invita a participar, xunto ás súas esperanzas e aos seus medos.

A preocupación de Chacón pola permanencia do espazo deriva da ansiedade e da hiperactividade actuais, onde a nosa xestión da velocidade ou a sobreinformación anulan a experiencia vital e a comunicación fértil, producindo formas de relacionarnos cos distintos ámbitos que impiden recoñecernos neles, velos desde posicións non utilitarias ou non especulativas.

A construción dun lugar que se opoña a esta visión xorde aquí dunha acumulación de experiencias, imaxes e proxeccións relacionadas cos espazos vividos que se fragmentan, superpoñen e reconfiguran en estruturas a cabalo entre o fotográfico, o escultórico e o arquitectónico: artefactos potenciadores de emoción, reflexión e sobre todo: diálogo.

Un diálogo das obras co espazo expositivo, a través da transparencia e o oco: características esenciais na obra da artista, que permiten a porosidade a través da cal se xera unha respiración imprescindible para a aparición dos lugares intermedios. Precisamente a partir do poroso, toma protagonismo a luz, que na obra de Consuelo existe sempre grazas á sombra. Sombra da espesura, densidade crecente… Aliviada por fugas de claridade a través das que circula o vivo.

E un diálogo interno entre as diferentes imaxes e planos, ausencias e presenzas que se solapan en cada peza, que resignifican a relación “dentro-fóra” non como dúas categorías simplemente complementarias e diferenciadas, senón máis ben como o limiar que conecta perspectivas relacionais. Un limiar, multiplicado, unha galería de limiares que se suceden ata o infinito e xeran unha atmosfera en permanente transformación, da que a audiencia aquí forma parte. Este é o lugar intermedio.

 

Mario Guixeras
comisario