Tarecos é unha serie fotográfica que comecei no ano 2012 a partir da experimentación con obxectos atopados e ensamblados, o que os converte inevitablemente nunha revisión persoal do obxecto Dadá, cuxa precursora e pioneira do mesmo xeito da performance e da arte conceptual, a Baronesa Elsa von Freytag-Loringhoven, é considerada cómplice necesaria de Marcel Duchamp na materialización daquela “morte da arte” que proclamou anos máis tarde Walter Serner no seu manifesto Letzte Lockerung. O propio artífice do Ready Made exclamou en certa ocasión referíndose á baronesa: “Ela non é futurista…Ela é o futuro”.
No ano 1913 ela exhibiu a súa obra Enduring ornament, composta unicamente por un obxecto
atopado, mentres Duchamp fabricaba a súa célebre Roue de bicyclette, composta por unha roda de bicicleta colocada do revés sobre un tallo. Naturalmente, estes feitos non son casuais, e a clave relátaa con claridade John Berger en Mirar, o seu lúcido ensaio sobre a mirada a través de diversos fitos da arte moderna:
“Existen estraños momentos históricos de converxencia nos que os desenvolvementos en moitos campos diferentes entran nun período de parecido cambio cualitativo antes de dividirse nunha multiplicidade de novos termos. Só uns cantos, de quen viven tales momentos, son capaces de percibir toda a significación do que está a suceder. Pero todos son conscientes do cambio: o futuro, en lugar de ofrecer unha continuidade, parece que estivese a avanzar cara a eles. Os dez anos anteriores a 1914 constituíron un destes momentos”.
Lugar: Sala 2
Horario: Luns a venres de 11.00 a 14.00 h. e de 17.00 a 21.00 h. Sábados, domingos e festivos de 11.00 a 14.00 h.
Precio: De balde
Visitas guiadas:
Comisariado: