O xadrez de San Rosendo, un tesouro europeo

Conferencias / ICC Week 04 de abril ás 10:00

Esta colección de pezas de xadrez atribuídas a San Rosendo, agochan unha fascinante historia que revela a importancia de Galicia no contexto da Europa medieval.

Contaremos para esta charla-coloquio con :

Leontxo García: Xornalista e Mestre Internacional de Xadrez.

Fernando Valdés: Doutor en Arqueoloxía islámica na UAM.

Anselmo L. Carreira: Medievalista. profesor da UNED Ourense.

Moderará, Pablo Culebras, autor do libro ‘Xaque a jakobusland’

 

Estas pezas, finamente elaboradas, son a proba das fluídas relacións entre o espazo galaico e Al-Ándalus e do papel pouco coñecido de Galicia como porta de entrada deste xogo á Europa cristiá. A colección está composta por unha torre, un alfil, un cabalo e cinco peóns duns 40-44 mm de altura e un peso de algo máis de 90 gramos. Foron talladas en cristal de rocha nalgún lugar de Exipto durante o período fatimí (séculos X-XII), e durante moito tempo consideráronse un talismán. De ter pertencido a San Rosendo, como suxire a tradición, terían chegado a Celanova entre os anos 938 e 977, facendo deste conxunto un dos máis antigos coñecidos en Europa.Rosendo Gutérrez é unha das figuras máis interesantes da historia galega. Emparentado coa monarquía leonesa e famoso polo seu carácter dialogante, foi unha figura clave na organización política do novo reino, impulsou a orde de San Bieito e fundou o Mosteiro de Celanova. Máis tarde, foi nomeado bispo de Santiago e virei de Galicia. Fixo fronte aos viquingos de Gunderedo, e trala súa morte foi declarado santo polo seu pobo, antes incluso de ser canonizado polo vaticano.As pezas, conservadas no Museo da Catedral de San Martiño, son testemuñas dun período neboento da nosa historia, e gardan o segredo da descoñecida importancia do noroeste peninsular nun momento en que se cruzaron aquí os Camiños de Santiago, as rutas normandas e as influencias andalusíes, que trouxeron a Celanova o xadrez e o característico estilo mozárabe da pequena capela de San Miguel.

  • ¡Compárteo!