Conferencias 10 de decembro ás 20:00
Poñente: David Simón Lorda
Organiza: Ateneo de Ourense
Unha conferencia presentada por Luis Delgado.
Nesta conferencia trataremos falaremos da sanidade e medicina en Ourense ao longo dos séculos XIX ao XXI, tratando de buscar un equilibrio entre o que na literatura anglosaxoa denomínase a “ story” (as historietas, o anecdótico…) e a “ History” (a Historia por excelencia). O cólera de 1885, o Hospital de San Roque, as epidemias de vexigas e os Institutos de Vacinación, a Pinga de Leite, o Hospital Modelo de As Lagoas, a gripe de 1918, a tuberculose e o Sanatorio de Piñor, os Colexios Profesionais sanitarios, o Manicomio de Toén, a Residencia Sanitaria, o Hospital Provincial, os dentistas, o Instituto de Hixiene, o Laboratorio Municipal, o Seguro Obrigatorio de Enfermidade, o Hospital Provincial de As Mercedes, sanatorios médico-quirúrxicos privados, noticias dalgunhas boticas e farmacias… de todo iso e dalgunhas cousas máis falaremos, con espírito divulgativo, na conferencia no Ateneo. CV David Simón Lorda, é doutor en medicina e psiquiatra no Complexo Hospitalario de Ourense (Sergas-Xunta de Galicia). Foi investigador principal e participou en proxectos de investigación de financiamento autonómico (Xunta de Galicia) sobre historia da medicina e da psiquiatría contemporánea en Galicia e en España. Recibiu o “Premio Hernández Morejón-2004” concedido pola Sociedade Española de Historia da Medicina á súa tese doutoral Un século de Psiquiatría en Ourense (1875-1975) (Universidade de Santiago de Compostela, 2004). Así mesmo obtivo o Premio de Investigación “Manuel Cabaleiro Goás” promovido polo Colexio de Médicos de Ourense, nas edicións dos anos 2000, 2013 e 2014, con traballos relacionados coa historia da medicina. Autor de máis dunha vintena de publicacións en revistas nacionais (Revista da Asociación Española de Neuropsiquiatría, Frenia, Siso/ Saúde, Anais de Psiquiatría, Psiquiatría Pública, Cadernos de Atención Primaria, Minius, Medicina&Historia, Adiccións, entre outras), de capítulos de libros colectivos nacionais e internacionais, e autor de tres monografías: Tolemia, medicina, sociedade: Ourense (1875-1975) (2005), Médicos Ourensáns Represaliados na Guerra Civil e na Posguerra. Historias da ” longa noite de pedra (2010) e Vexigas, vacúas e sociedade: Ourense: 1805-1929 (2015). Pertence á Sección de Historia da Asociación Española de Neuropsiquiatría. Desde verán de 2009 mantén activo o seu blogue “Diario dun médico de garda” desde onde trata de ir “Cara a unha Historia da Medicina ( History) desde historias locais ( stories) da sanidade e a sociedade ourensá”.