Xornadas 24 ó 26 de abril
Reunión con relatorios científicos nos eidos da viticultura e enoloxía. Últimas achegas a nivel español.
A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, centro dependente da Consellería do Medio Rural, organizará a 33ª edición do GTEVE (Grupo de Traballo de Experimentación en Viticultura e Enoloxía). Será a quinta vez que Galicia acolla a reunión pero a primeira que se fai integramente en Ourense. Na organización colaboran o Instituto Galego da Calidade (INGACAL); a Deputación Provincial de Ourense; o Concello de Ourense e a Fundación Juana de Vega.
O GTEVE creouse en xaneiro de 1987 por iniciativa da Subdirección Xeral do Instituto Nacional de Denominacións de Orixe (INDO) co apoio e colaboración dos órganos autonómicos competentes. O seu obxectivo fundacional era dar unha resposta técnica axeitada á necesidade de establecer unha plataforma de encontro e comunicación entre as institucións autonómicas e as persoas dedicadas a potenciar o coñecemento e a calidade dos viños en España. A finalidade segue a ser hoxe en día establecer un foro estable para o intercambio de experiencias, debate de puntos de vista, solución de problemas, e exposición traballos e resultados, todo isto co gallo de potenciar as sinerxias entre os equipos que traballan nos eidos da viticultura e a enoloxía ao longo da xeografía española e obter uns resultados máis eficientes.
Nestas reunións participan aqueles centros dedicados á mellora do cultivo da vide, da elaboración e a calidade do viño e polo tanto inclúense as Estacións de Viticultura e Enoloxía, os Centros Enolóxicos, as Adegas Experimentais e outras institucións semellantes como o INIA, a CSIC ou as Universidades. As reunións teñen un carácter anual e itinerante.
Este ano 2018 é a cidade de Ourense a que acolle a 33ª edición na que xa están confirmadas a participación de 50 investigadores correspondentes a 17 centros de toda España. Na reunión expoñeranse e debatiranse 27 comunicacións que abranguen as diferentes temáticas de traballo na viticultura e a enoloxía. Entre as materias que se estudarán atópanse a selección clonal e o estudio do potencial de variedades minoritarias, a caracterización enolóxica dalgunhas desas variedades, os sistemas de predición e a eficiencia de determinados tratamentos fitosanitarios, a problemática das enfermidades da madeira ou a microbioloxía do viño.