A construción da paisaxe e a súa (de)construción sitúanse como os dous movementos telúricos que fan da obra de Christian Villamide unha reelaboración desa paisaxe como un reactivo natural.
A capacidade de análise formal de Christian Villamide non deixa de sorprender exposición tras exposición polos plantexamentos visuais que acada coa súa nova configuración da realidade, das nosas xeografías convertidas en novas paisaxes que emerxen desa síntese meditada e precisa que ben, traballando no propio medio natural, ou levando ata a sala de exposicións os seus proxectos, artéllanse como un estudo da tensión que emerxe da propia natureza e do seu constante proceso de cambio, así como da relación co ser humano.
“E sobre longas corredoiras
esténdense aires que arrolan
cargados de dourados soños”
(Friedrich Hölderlin)
‘Hortus conclusus’
Un xardín para a reflexión. Unha andaina para ollar o que nós mesmos somos fronte á natureza. A natureza convértese no principio e no final do traballo de Christian Villamide nesta mostra que se achega a unha temática ben antiga no mundo da arte como é a do ‘Hortus Conclusus’. Aquel recinto pechado que enmarcaba a Anunciación da Virxe converténdose en símbolo de virxindade e da pureza. Agora, o noso protagonista non se afasta moito daquela percepción medieval para volver a ter na natureza un espazo que parte da admiración e do respecto ás posibilidades dese ámbito como territorio de pureza corrompido polo home, e no que o que se nos propón tras o seu traballo son moitas dúbidas sobre as súas posibilidades fronte ao papel esnaquizador do ser humano e a capacidade que temos como especie para macelar ese xardín.
Camiñar entre as diferentes series nas que se conforma o seu traballo convértese nalgo que ten un punto máxico, como se a natureza quixese comunicarnos, a través desta nova representación, as súas fendas, o dano que nós mesmos estamos a facer no seu rostro e tamén na súa alma, sentíndonos así avergoñados por como tratamos ese milagre que é todo o que rodea á natureza.
Con estes dous elementos traballa Christian Villamide. Rostro e alma que sabe sintetizar nuns poucos elementos, porque se algo caracteriza ás propostas artísticas de Christian Villamide é a súa capacidade de intervir nesa natureza acadando unha forte plasticidade, sen mudar o que se contén na propia natureza, Isto é traballar dende a súa sinxeleza, nunha esencialidade formal coa que é quen de recuperar aquilo no que se resume o que a natureza é. Estamos, polo tanto ante unha condensación de formas que se conceptualizan nun soporte que multiplica as súas posibilidades de significado fronte ao representado. O espectador, convertido xa en camiñante, é quen de medirse fronte á natureza, pero tamén ante os seus feitos, xa que o artista ensarilla na súa esencia o dano, partindo da súa afouteza e chegando á mágoa do feito polo home, convertendo as súas pezas en expresións que balizan o noso paso por ela e que agora, percorrendo as obras, ofrecen unha vía de expiación, como unha posibilidade de acadar o perdón polo feito.
A obra de Christian Villamide mídese dende esa posibilidade que ten para a construción e a deconstrución da paisaxe, dúas enerxías que, pese a ser contrarias na súa formulación á hora de desenvolverse actúan xuntas na reelaboración desa paisaxe como un reactivo natural para provocar en nós unha resposta. A súa serie ‘Paisaxes cativas’ reflicte de xeito preciso esa situación, frías pezas de mármore que, como cárceres, acollen a unha natureza contraria á súa propia dirección, isto é colocada en horizontal fronte á súa acostumada verticalidade, sen posibilidade de medrar, esgotadas no seu propio destino. Un primeiro impacto que se ve aumentado mediante unhas ancoraxes que a sustentan o que nos leva a unha natureza aínda máis fráxil que depende dos nosos procesos mecánicos para sosterse. O que nos fala, ao mesmo tempo, dunha progresiva substitución de elementos naturais por outros mecánicos, como se a nosa soberbia quixese competir ou mudar o que é un proceso orgánico perfecto. Ese novo contexto co que traballa o artista procura unha paisaxe transformada que pouco a pouco, peza a peza, lévanos a unha natureza forzada, mecanicista se se quere e que vai contra a súa orixe idílica de espazo que xorde de xeito casual pero que acada un marabilloso resultado. Este choque de forzas que deriva nunha natureza afastada do emocional castiga á paisaxe converténdoa en algo mensurable, algo que ten principio e final, limitando o seu carácter infindo.
Chegados a este punto interesa entender a arte como resposta, pero tamén como rastro para todos nós que contemplamos unha nova paisaxe, estamos ante o escenario que xera o artista dende a conceptualización da contorna facendo da natureza unha canle de pensamento e reflexión. Tómanse así materiais da propia natureza que se reciclan para esa nova función, tamén para discutir a súa existencia xógase coa súa colocación no espazo. Estamos ante montañas que suben polas paredes, sombras que se reflicten na vertical, como nesa audaz serie ‘Topografías’ na que se recuperan os perfís dalgunhas das nosas serras máis sobranceiras gabeando pola parede, ou colocándose como pezas escultóricas que poder rodear. Pero tamén acontece isto con mármores que se chantan por esa parede para desafiar co seu propio peso á gravidade acollendo fragmentos da natureza, fotografías que a reflicte cun hálito sagrado, libros que se aprisionan contra unha columna, patróns de moda que inventan unha nova serra, diferentes linguaxes que se empregan para bater en nós, para sacudirnos da nosa indolencia fronte aos nosos propios actos, sendo, como somos, incapaces de avaliar as súas consecuencias. A mirada de Christian Villamide convértense, polo tanto, non nunha mirada contemplativa senón nunha mirada de acción, de intervención na realidade de cara a acadar a composición dunha nova percepción daquilo que nos rodea, buscando así a solidariedade de quen se entende parte dunha sociedade presuntamente avanzada.
Nesas novas composicións intégranse materias cunha forte carga simbólica que ensanchan os horizontes dos significados e tamén a sorpresa do espectador. Eses libros, representantes do saber e do coñecemento, presos por unhas torniquetas, da súa serie ‘Ilustración’ ofrecen esa sensación de que cada vez ese logos esta máis limitado, máis pechado fronte a esa natureza á que se quere enguedellar, pero ao que un aparello froito da man do home é quen separa ambas as realidades. Esta peza tamén ten unha formulación exterior, integrando a peza nunha árbore e é que as posibilidades dos traballos de Christian Villamide dialogan co dentro e o fóra. Son pezas que funcionan nunha sala de exposicións, pero que tamén o fan, ou incluso cunha maior potencia, chantadas no propio medio natural. O emprego de partes desa propia natureza, de elementos que naceron nela e cos que se traballan en novas percepcións e audaces linguaxes é o que lles concede a estas pezas esa capacidade que se move por toda a súa obra de construción e deconstrución da propia paisaxe, sen verse afectada en exceso polo seu traslado do berce primixenio a novos espazos. Outro dos seus proxectos máis interesantes é o que se propón en ‘Proxectos para restituír montañas’. E se fósemos quen de poder edificar unha serra? Como o fariamos?, Christian Villamide tira da ironía para propoñer unha resposta empregando deseños de confección do mundo da moda, un trazado do mundo natural co que deseñar unha nova realidade que poida substituír os danos que causamos nela a través de canteiras, procesos de extracción, contaminacións visuais… Desa mesma cuestión nútrese outra das súas series máis interesantes pola capacidade de suxestión con tan pouco. En ‘Hábitat restituído’ son unhas laxas de pedra, tomadas da propia montaña as que a través da súa propia silueta suxiren ese horizonte sen agresións e sen a presenza do home como elemento que altera a súa realidade.
Péchase este xardín de reflexións cunha serie de fotografías o ‘Hortus conclusus’ co que se nomea a propia exposición. Un conxunto de grandes fotografías que teñen moito de totémico. Un xigantesco tronco ferido, que emerxe da terra cun senso de resistencia que se traslada ao conxunto da propia exposición, que tamén ten que ser entendida como un acto de resistencia, un berro que precisa de nós como altofalantes dunha realidade que cada vez máis nos enfronta a un proceso gradual de deterioración. Ese proceso é no que se artella o traballo de Christian Villamide para, dende el, pescudar nese espazo de incerteza entre o home e o seu medio. Cando Henry David Thoreau decidiu pasar máis de dous anos en plena natureza a carón do lago Walden nunha modesta cabana explicou no seu Diario ese xesto de renuncia da vida urbana: “Quería vivir profundamente e chuchar toda a medula da vida, vivir tan forte e espartano como para prescindir de todo o que non era vida…”. A natureza é unha cerna de vida, e a nosa transformación como sociedade está a renunciar a ela coa modificación dun espazo que cada vez máis se sente afastado desa canle vital. Perdela significaría tamén deixar de ser o que nós mesmos somos, parte desa propia natureza. Unha natureza que, certamente, está en perigo, pero fronte ao que, como afirma o propio Christian Villamide, “o que aínda é máis perigoso é a nosa actitude cara a ela”.
Ese poñernos de costas cara a ela é o que move a un artista a xerar todo un corpus de pensamento que reflicte dende a súa experiencia artística e sensibilidade as súas inquedanzas e o seu xeito de analizar esa situación comprometida por todos nós, coas impresións dun territorio ao que non podemos seguir durante moito máis tempo negando a súa condición e poñéndoo contra a parede aínda que este sexa un bo xeito de convertelo en arte.
Ramón Rozas
Lugar: sala1
Horario: Luns a sábado de 11.00 a 14.00h. e de 17.00h. a 21.00h. Domingos e festivos de 11.00h. a 14.00h.
Precio: De balde
Visitas guiadas:
Comisariado: