METAFÍSICA DO EU

METAFÍSICA DO EU

MINGOS TEIXEIRA

Semellan telas retroiluminadas, que amosan vistas do seu ser. As formas da súa linguaxe teñen un equilibrio de masas dentro do ritmo das pinceladas, sempre elegantes coas que expresar dicires suxestivos.


  • ¡Compárteo!

DEBUXOS NAS CORES, FORMAS CO DEBUXO, A METAFÍSICA DO EU.

Xabier Limia de Gardón

Crítico de arte, comisario de exposicións, historiador da arte.

Semellan telas retroiluminadas, que amosan vistas do seu ser. As formas da súa linguaxe teñen un equilibrio de masas dentro do ritmo das pinceladas, sempre elegantes coas que expresar dicires suxestivos. Estes son, de seguro, estados de ánimo, que xorden do seu maxín como unha pulsión inconsciente, e a mente preñada ou en branco, trala preparación previa, e logo co impulso dun acto consciente comezar. Así abre a tela a mancha ou forma primixenia, dende a elección da cor e o pincel, elemento fundacional creativo, matriz do eu, i am, so ham: eu son iso. Delo a súa arte. Unha praxe que ten moito de improvisación, de accidente, dende os materiais, cubrindo con capas os erros expresivos, sendo estes, os erros, incidencias creativas no canto dos resultados finais.

Eis, todo, unha posta en escena para un proxecto, o da obra. Esta, estas, amosan como son as procuras de artista. Hai na cor uns resultados nos que fai compartir campo aos tons pastel con outros máis intensos sempre en mate, e matizados, sendo quen de acadar a harmonía o horizonte que o move. Hai elementos que reitera, linguaxe súa plena, caso dos finos movementos de pincel, coa punta do mango, que busca animar cun fío a liña expresiva, fina e sutil sempre, e relacionar así dous obxectos. Máis noutros casos, máis densas xa, crea formas sobre matizados fondos. Aquelas non son abstrusas, levándonos por asociación até unha bolboreta ou, incluso, unha nota musical, un paxaro ou unha figura… Son os seus tesouros, os da súa historia persoal, e fantasía, que tanto abondan, polo demais, entre as xentes que somos desta nosa Terra Galega. Porque a realidade que nos envolve facémola os milleiros de persoas que soñamos. O que fai Teixeira, o artista, é tratar de transcender a súa propia historia e ofrecernos os seus traballos, sempre pulcros nos resultados, cadros envoltos no celofán dunhas texturas sen estridencias, doces, de maina chuvia…

“A arte é o lugar no que o mundo ven á imaxe e a imaxe faise mundo”, ten escrito Francisco Ruiz de Infante, artista coetáneo alavés, nunca acaída frase que revela como o mundo, que é cultura e civilización, maniféstase como epifanía. E a súa luz incardínase no artista, quen a expresa inspirado nese libro do mundo. E así, dispón moitas das súas obras subdivididas en dúas temáticas, complementarias, ou opostas, coas que busca animar a narración intrínseca. Nunha que semella asentarse dende a inspiración nunha praia das Rías Baixas, coa area húmida da que aboian rochas, e no plano superior a mar a escuma das olas e a mar, e o ceo.

“Mingos” Teixeira (Domingo José Teixeira Rodríguez, Vigo, n. 1955), non é un novel precisamente, pois comezou a exhibir as súas obras dende 1980. Fixo así corenta anos de creación, e celebrouno coa mostra “Alicia no país das marabillas. Mingos Teixeira: metamorfose”, 2015-2016, Concello de Vigo. A esta institución municipal ten estado ligado dende que fundara en 1984 a “Escuela de medios técnicos de realización artística”, e o desenrolo dos programas educativos Escola e arte, Arte na aula e Crea, presentando incluso unha ponencia no Congreso mundial de ciudades educadoras: “Las artes y las humanidades como agentes de cambio social”, en 1996.

Trátase, en fin, dunha acción central na súa praxe vital, coa que tentou achegar aos máis novos á arte, plasmándoo en conferencia ou libros, caso de “Escola e arte”, ou “Arte para todos”. Nos últimos anos ten feito algunha intervención mural nunha medianeira de Vigo, 2017, na campaña de street art municipal de humanización da cidade por artistas. E contra o final do ano 2021 expuxo na Casa de Galicia, Madrid, “Fuertes hechizos”, algo máis de tres ducias de obras nas que presenta a súa nova praxe plástica. Con ela o artista tentea unha nova expresión dende a ausencia da cor, decisión radical esta, a de elaborar as obras dende o debuxo á tinta e grafito engadíndolle, como moito, algúns toques azuis e de branco acrílico. Mais son, en gran medida, estrutura, pois como se dun esqueleto se tratara, negro sobre branco, semellan dende a súa aparencia composicións carentes dun je ne sais quoi… Así na comparación entre as obras nas que utiliza o compás para traballar dende a circunferencia esferas a cor, que en B/N mantense cunha voz plana. Así de teimuda é a man, así tamén a mente, tentando regresar unha e outra vez, polas autopistas dos pasos contados, seguros, ao coñecido… Emerxe, nalgunhas, un novo dicir, dende o miúdo do detalle e así, ás tentas, albíscanse mundos figurados que se achegan aos gravados, e tamén ás tintas dalgúns insertos da linguaxe do Banda Deseñada, baseados o cine planos de cambio de plano narrativo. Eis unha senda na que podería tentar camiñar. Son tempos de muda da poética do espazo, unha razón lingüística. “Qui me montrera l’étoile qui me donnera l’encre pour écrir ma nuit?” (Quen me amosará a estrela que me dará a tinta para escribir a miña noite?), escribía o poeta Adonis en Mémoire du vent. E Teixeira semella ter a resposta. Todo este xiro aséntase nunhas doenzas, e padecementos, enfermidade que lle fixo ter que deixar a pintura. Unido á pandemia, e as circunstancias do seu propio calendario vital, optou por continuar afondando, dende o seu claro, ordenado e mensurable estudo de artista en Treboedo, Maside / Ourense, nesta práctica creativa, amosando inquebrantable fe no seu dicir expresivo. Achéganos así, desta volta estas dúas dinámicas, nas que podería verse unha confrontación, por máis que o paso do camiñar sexa seu. Hai, si, un cambio na pegada, pois outros son os zapatos… Mais, no fondo todos cambiamos, por moito que nos empeñemos en vernos como algo permanente. E sabendo, polo xeral, que adoitamos definirnos por contraste ou por oposición, dende a separación e división, sendo así como nos afastamos de nós mesmos. Un estilo, o de Mingos Teixeira, afín ao lírico, como se ten escrito, categoría oposta á dramática, e ámbalas dúas dicotomías imaxinarias, de sutís liñas sempre, sendo como é que para definir unha persoa debemos aceptar a súa radical mutabilidade. O que me fixo pensar en Nicolas de Staël, e a procura da pureza transcendente, artista para a que figuración e abstracción, dende a espátula, son facianas dun realismo transcendido da mesma metafísica. Un sentir a unidade dende a esencia da natureza.

Vinilos

Cando debuxo, ao amparo da soidade, sento como se me mergullase nun estado hipnagónico. A emoción aprópiase da razón e a intuición consolídase e reafírmase. A habelencia pretérita aprehende o espazo bi-dimensional e dalle voz. De súpeto xorden, da nada, reinos de anxos e demos, planetas e continentes cheos de estrelas liviás, sereas, afastadas. Abrollan, agochadas, facianas estrañas e desconcertantes que, presinto, gardan códigos proféticos de certos delirios, de soños, sempre presentes na placenta ancestral do pensamento simbólico; da Arte.

Mingos Teixeira México, 13-11-13

A vida nace do caos. Vivímola tentando poñer unha orde, sen decatarnos que esta só se materializará coa morte. En termos artísticos, adoro o caos como afirmación de inicio, como variante da orde e, sobre todo, porque vexo, na inicial destrución, moitas máis posibilidades de creación e flexibilidade mental que na estable orde.

Mingos Teixeira O Treboedo, 12-02-15

Procuro obras que poidan ser miradas e remiradas centos de veces e que cada visión presente interrogacións que exisan interpretacións afastadas da evidencia. Cando as cousas non están moi patentes, precisamente o que se fai é interpretar; o evidente vólvese invisible.

Mingos Teixeira O Treboedo, 15-08-15

Lúa lixeira, enche coa túa morna luz esa liña avelaíña de xusta beleza e convértea no máis livián fío de seda endexamais concibido, para resgardarse da vida, para poder ver como se erguen as estrelas por encima do seu leito, na cálida noite… para que soñar?

Mingos Teixeira O Treboedo, 01-11-15