A cor e a luz

A cor e a luz

JOSÉ MARÍA BARREIRO

Unha das principais calidades que distinguen a pintura de Barreiro é o especial emprego da cor, unido á luminosidade, tamén á vibrante enerxía que desprenden as escenas creadas, atraentes, emotivas e directas, dispostas a convidar ao espectador a participar no particular universo do pintor, a compartir a gozosa aventura creativa.


  • ¡Compárteo!

Textos da exposición

BARREIRO, A COR E A LUZ

 

 

 

Unha das principais calidades que distinguen a pintura de Barreiro é o especial emprego da cor, unido á luminosidade, tamén á vibrante enerxía que desprenden as escenas creadas, atraentes, emotivas e directas, dispostas a convidar ao espectador a participar no particular universo do pintor, a compartir a gozosa aventura creativa.

 

O singular uso da cor é o primeiro que sorprende; a presenza enérxica dos tons excede a súa propia natureza para adentrarse nunha serie de cuestións que ben poden referirse a outros aspectos, entre eles, o instintivo ou o modo no que o artista entende a pintura; tamén á prioridade que outorga a ese mundo fantástico capaz de erixirse nun dos principais argumentos.

 

Esa peculiaridade que lle caracteriza desde as orixes da súa traxectoria, xa foi descuberta por Manuel Torres, quen brindou a Barreiro soporte e ánimos para seguir no camiño da creatividade plástica, cando comezaba a súa formación, a mediados da década do cincuenta (1). Naqueles anos, o pintor xa estaba totalmente convencido da súa vocación e ese anhelo afiánzase grazas á decisión de trasladarse a Madrid onde comparte experiencias e amizade con outros novos artistas, entre eles José María Párraga e Manolo Valdés. A facilidade para expresarse por medio do debuxo e o particular tratamento da cor levaranlle a precisar a súa obra nun espazo conformado e específico. Esas condicións forman parte dunha identidade plástica que se acrecenta e se renova, sustentada nun modo de facer pintura, no estilo que o artista crea e que en diante acuñará como propio.

 

En 1963 Barreiro trasládase a París e durante o ano de permanencia na capital francesa vive momentos de gran intensidade, inmerso no ambiente bohemio e atraente que transcorre nos cafés e cabarés de Montmartre, nas súas empedradas e pintorescas rúas que ascenden lixeiras cara á praza do Sacré-Coeur. Pinta directamente escenas do natural poboadas de músicos, bailarinas e episodios circenses, mentres acode con frecuencia aos museos e detense especialmente ante a obra de Dufy, Matisse e Rousseau, cativado pola intensa gama de pinceladas sempre vixentes, capaces de reter a luz, o movemento, a vida.

 

O coñecemento deses momentos fascinantes da pintura francesa ten unha fonda repercusión no desenvolvemento do seu traballo, que busca a existencia dunha superficie capaz de resumir os principios, que se nutren de ideas referentes á liberdade de acción, á cristalización pictórica do instante efémero, á emoción experimentada ante a visión presentada ou ás imaxes que proceden do recordo. Esas razóns deben permanecer arroupadas polo sentimento do pintor cara á cor, ao que sitúa como símbolo e homenaxe á existencia. (2)

 

 

 

2

 

 

 

 

Ás vivencias parisienses, o pintor sumará novas tentativas que deixarán rastro na súa obra. O seu espírito inquieto e viaxeiro levaralle a planear outras aventuras e a finais da década do sesenta, instalado de novo en Vigo, Barreiro disponse a viaxar a Bos Aires, coa intención de pasar unha curta tempada na cidade porteña; pero a vida é cambiante e atraído pola enerxía extraordinaria da capital arxentina, onde todo pode ocorrer e as oportunidades brotan facilmente, instálase e abre taller no barrio de La Boca, co desexo de vivir a fondo a experiencia. Mentres tanto irase integrando na intensa vida cultural da gran urbe apoiado por Laxeiro, quen lle introduce no grupo dos artistas exiliados entre os que se atopan Luis Seoane e Manuel Colmeiro; o seu círculo de amigos agrándase coa presenza dos pintores Romulo Macció, Juan Carlos Castagnino e Manuel Claro Bertinelli.

 

O traballo que alá realiza é extenso e non pasa desapercibido para as galerías Perla Mariño (3) e Meba que se fan eco da súa obra decidindo expola; Barreiro ensancha os campos de acción compaxinando o exercicio da pintura coa realización de proxectos murais e ambientais para as Galerías Harrods que lle permiten vivir desafogadamente e viaxar a Uruguai, Chile e Brasil, antes de planificar o regreso a Galicia que ten lugar no ano 1973.

 

Unha vez consolidado o seu universo creativo, Barreiro irá debuxando ordenadamente a súa traxectoria, sen desviarse do ansiado camiño, sustentado na vontade de crear unha obra capaz de expresar a amplitude plástica. E sen detemento, nas últimas décadas, o artista deixou claro o seu estilo. As resplandecentes variedades de azuis, verdes, vermellos e amarelos alternan con fortes pinceladas negras, definindo escenas sólidas, capaces de transmitir ditosas sensacións; unha sorte de “joie de vivre” que se encarga de crear unha atmosfera notoriamente optimista.

 

A temática do pintor desenvólvese en diferentes escenarios: circenses cos seus acróbatas; trapecistas e bailaríns de rítmicos movementos; músicos en solitario, cuartetos de corda, danzantes e gaiteiros; estudos sobre as meninas que implican ao autor na obra velazqueña, e por riba sempre a xanela que convida á contemplación exterior, á visión de predilectos lugares que aluden a paisaxes sinxelas, serenas e luminosas. Algunhas desas narracións paisaxísticas proceden das rías galegas; non podería ser doutro xeito. A presenza das illas de Ons e Onceta, tan próximas e cotiás, que o artista contempla cada mañá desde a particular atalaia da súa casa taller en Santa María de Cela, maniféstase nos lenzos.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

3

 

 

 

O carácter extravertido da súa pintura é verdadeiramente real e perceptible; afírmase e envorca ao exterior, atesourando a luz. A ampla mirada do pintor dirixida ao horizonte, a través da simbólica xanela, propicia escenas e instantes que sobreviven nos lenzos. É sen dúbida esa distinción que se sustenta na capacidade de intuír a grandeza da distancia desde a proximidade, un signo de identidade que se repite na súa obra e que actualmente continua vixente. Un cosmos particular no que ten cabida todo aquilo que lle importa, circunscrito a un lugar determinado polos límites dese alegórico miradoiro, que inclúe a realidade e tamén a memoria. Urbano Lugrís xa intuíu esa calidade tan notoria, precisándoa sucintamente por medio das seguintes palabras: “se pintar é abrir xanelas – en expresivo aforismo de non lembramos quen – situarse fronte á obra de Barreiro é abrir, en amplo gozo estético, os cuartillos dunha alegre e luminosa xanela, que dese sobre un virxe e fresco país, transido de luces aurorales e puros aires sen mancilla” (4)

 

 

 

Pilar Corredoira

 

 

 

 

NOTAS

 

(1) Manuel Torres, Urbano Lugrís e Laxeiro supoñen para Barreiro referencias incuestionables. Entre eles existe un nexo xeracional no que se transmiten ensinanzas.

 

(2) Os críticos Carlos Areán, José de Castro Arines e Manuel García Viñolas, coinciden en sinalar “o extremado sentido da cor na súa pintura”.

 

 

(3) Na Galería Perla Mariño, aberta en Bos Aires en 1970, expuxeron relevantes artistas arxentinos, como Antonio Berni, Juan Carlos Castagnino e Pérez Celis.

 

 

(4) No ano 1969, Barreiro expón na Galería Toisón de Madrid. Urbano Lugrís refírese á súa pintura con esas palabras.

 

 

 

 

JOSÉ MARÍA BARREIRO NA ÁGORA DE OURENSE

 

 

Na Casa do Burgo de Cela hai un espléndido magnolio. Á súa sombra existe un sinxelo banco de pedra, cunha vista ao mar que contén a illa de Ons e as praias de Agrelo e Portomaior. Cada posta de sol, nas de primavera, reviste o conxunto dunha gama de amarelos, brancos, rosas, azuis. A maxia da cor. (José María Barreiro)

 

Unha pincelada é o inicio dun ritual, inescusablemente a invitación a unha revolución. Un grito fresco de esperanza no albor dun novo mundo circunscrito á imaxinación dun artista e á superación do espazo en branco, no caso do pintor unha tea de dimensións concretas, limitadas, pero disposta a acoller contidos infinitos por indefinidos.

 

Crear é ser un pouco deus, xogar de forma iniciática en busca de formas non previstas, sequera imaxinadas en exactitude. En debuxo, un trazo, o primeiro ou o último, é un exercicio, unha mancha na nada, ou unha variación sobre un bosquexo anterior. En todo caso, é a consecuencia dun proceso intelixente e sen precedentes exactos.

 

Os achados de verdadeira calidade, os que propicia a inspiración -as musas- superan aos propios valores técnicos do artista, por bos que estes resulten. O suxerido, o que de verdade acaba por facer importantes ás obras importantes adéntrase en terreos da psicoloxía, ou da intuición, ou da maxia, defínese como estilo, particulariza a obra.

 

Dixéronme que a inspiración é melancolía antiga, esencia difusa dunha memoria que se lembra a si mesma e reitérase en mentes únicas, privilexiadas, capaces de reinterpretar o mundo unha e outra vez, xusto ata convertelo en eternidade. Iso dixéronme.

Eu sei que o que se interpreta é a máis libre manifestación de liberdade, e esa é, quizais, unha das maiores riquezas dun artista -pintor, escultor, fotógrafo ou escritor-. Un trazo, unha cicelada, unha foto, unha palabra, cando son halos primixenios, principios, representan unha recreación do instante inicial do mundo. Iso sei ou intúo.

 

De José María Barreiro e das súas obras aprendín que só a vontade de arte converte o vulgar en obra mestra. Tocado polas musas descubriu o secreto telúrico das cores da choiva e da terra, seguindo a fórmula de inspiración máxica, mesturouno nas súas obras coa expresión dos sentimentos puros dun gran artista que, ademais, é un ser humano bo e xeneroso, en cuxos últimos entrever como músico, compositor de cancións e poeta. É un sabio diletante.

 

En Barreiro hai un Velázquez, e un Cezanne, e un Matisse, e un Picasso, e un Lugrís, e un Laxeiro, e un anónimo novo pintor da Place du Tertre en Montmartre; hai un Borges, e un Otero Pedrayo, e un Florentino López Cuevillas, e un Valentín Lamas Carvajal, e un Xesús Ferro Couselo, e un Marcelo Macías, e un Vicente Risco, e un Cuevillas, e un Cela, e un Castroviejo, e un Cunqueiro, e un Celso Emilio Ferreiro, e un Eduardo Branco Amor, e un José Ángel Valente, e un Carlos Casares, e un Padre Silva. Seres excelsos que concorren nunha personalidade excepcional, capaz de incorporar a todos os xenios que lle precederon nunha obra absolutamente singular.

 

Barreiro é cultura e é Galicia e é, quizais sen sabelo, sen falar trampitán, un europeo, español, galego e ourensán de corazón e proximidade, nacido nas montañas pontevedresas fronteirizas, desde as que xa se intúe o mar inmenso que soportou a sangría da emigración. Quizais sexa esta última circunstancia a que lle faga un pintor de éxito en Avión, en EEUU, México, Portugal ou Arxentina.

 

Na obra do autor de Forcarei hai letras de Carlos Gardel e de Cafrune, acordes de Paco de Lucía, mariachis. Ao fondo das súas creacións sempre permanece o sutil son dunha gaita e resoa a orquestra dun circo como o da Cidade dos Muchachos, mentres sobre o trampolín da vida emerxe unha fermosa sirena de Ons, criadora de polbos.

 

Nos cadros, entre floreiros e froiteiros sobrecargados incorpóranse un gato negro ou unha Luna ou unha Tara -as súas queridas cadelas-, un acordeón, unha guitarra, pianos e un gramófono de vinilos. O autor abre xanelas e portas á alegría da luz filtrada polo iodo atlántico, a un océano de liberdade, de imaxinación, e celébrao brindando cun Tinta Femia.

 

José María Barreiro chega a Ourense, cidade pletórica de historia e de cultura, grazas, entre outras, á decidida acción das súas institucións en favor das artes plásticas, da expresión libre en calquera das formas propostas dos creadores experimentados e novos. A Atenas galega, berce da chamada Xeración Nós, deses intelectuais que lideraron a renovación e modernización da cultura galega, é cidade atenta e acolledora, vangardista. Así o demostran a súa arquitectura dispersas nun dos centros históricos máis belos do mundo; as casas de excelsos representantes do mundo das letras, da plástica, da medicina ou o xornalismo; os monumentos, a catedral, as igrexas, os museos, o palacio episcopal; os cafés de faladoiro, bibliotecas, imprentas, redaccións, sedes de administracións e universidade, todos evocadores das mellores páxinas do noso devir. Alí te podes cruzar en calquera rúa, á beira dos paseos en torno ao Miño ou cruzando unha ponte, con Alfredo Conde, Luís Tosar, Bieito Ledo, Acisclo Manzano, Juan Cabanelas, cos Domínguez, e co recordo permanente dos Xaime Quessada, os seus irmáns ou o seu fillo.

 

Ourense converteuse nestes tempos de profunda incerteza social, nun referente consolidado da industria da moda e da arte, desde o que se pode outear un futuro de convivencia social activo, frutífero e esperanzado.

 

Ata a cidade das Burgas chega o pintor de Forcarei, para contribuír a abrir aínda máis ao universo este espazo privilexiado pola natureza. Vén darse un baño de ourensanía, de boas augas: abaixo do Sil, arriba do Avia, ao carón do Pai Miño, ao outro do ceo ás veces choroso en choiva; augas burbullantes nas fontes termais, ben frescas nas terrazas das súas prazas, no seu xusto punto envasado mineral e tamén propicias para cocer o polbo. Chega Barreiro para enmarcarse unha vez máis no círculo de saberes prodixiosos dunha cidade e unha provincia máxicas.

 

Nacido en Forcarei o 25 de outubro de 1940, José María é pintor, escultor e coleccionista de arte, residente en Bueu. Arriba acreditado por máis de medio século de traballo artístico e convertido xa nunha referencia identitaria do que foi a pintura galega máis recoñecible no ámbito internacional. Puido percorrer e mostrar a súa arte en cidades como París, Bos Aires, Chicago, Miami, Lisboa ou Caracas. A súa obra figura na colección do Vaticano e en grandes hoteis de luxo no Cairo ou en ranchos norteamericanos.

 

José Barreiro afronta hoxe o seu papel coa paixón dos clásicos, domina o debuxo, a cor, a espontaneidade e o movemento. Traballa no seu taller de Santa María de Cela tranquilo, relaxado, sen présas, gozando dunhas vistas marabillosas. A Casa do Burgo de Cela sitúase nun lugar privilexiado, lonxe das visitas inesperadas. Escoita música clásica, sobre todo de Albinioni. Convive con Amparo, mentres debuxa, pinta, fai escultura, toca a guitarra, xoga co seu can, coida das plantas, cultiva a súa horta e recibe aos seus amigos e admiradores.

 

A obra de Barreiro non só responde a unha forma de pintar, senón a unha maneira de concibir a vida, a cultura, o país e o mundo no que se desenvolve: unha riquísima fonte de experiencias persoais que logran radiografar a autenticidade da súa vida.

 

Cada pintura, cada debuxo de Barreiro é un documento complexo, a síntese dunha aprendizaxe, o resumo das mellores esencias de toda unha vida, o sutil e diverso fundamento dunha biografía filtrada polas paisaxes de Forcarei, a pedra de Pontevedra, o mar de Vigo. Cada unha das súas obras é a plasmación dos matices que se lle foron agregando de tanto vagar polo mundo, de tanto naufragar na súa propia imaxinación.

 

Nos seus óleos, Barreiro acapara todo o sentido de Galicia, a plástica da Terra Nai, a da paisaxe verde, toda a gama dos azuis do mar e do ceo, os avermellados intensos das postas de sol atlánticas. Encheunos de luz, para conseguir unha atmosfera propia, inconfundible. A tradución pictórica de Barreiro foxe dos tópicos para converterse nunha expresión de alegre emotividade. Barreiro viaxa no tempo coas súas Meninas, participa no baile do Joy Eslava, retrátase na alegría dos seus gaiteiros e mostra posiblemente a súa vertente máis viril nos seus debuxos eróticos. Na súa obra resalta a súa capacidade expresiva, como debuxante, gravador, escultor, ceramista, compositor ou deseñador creou o seu propio estilo narrativo. Os seus trazos son anchos, minuciosos nos debuxos, heteroxéneos na pintura, o seu dominio da cor é excelso. O resultado é sempre serenamente sorprendente, historia da arte. Non fai falta que discorran os séculos para recoñecelo, é suficiente con abrir os ollos e a mente, con desrutinizar tópicos complexos, eliminar prexuízos, depurar trivialidades, considerar o mérito inconmensurable dunha traxectoria lucida; é tan sinxelo como admirar o que se nos ofrece.

 

Amigo de Manuel Torres, Laxeiro, Seoane, Urbano Lugrís, Antón Pulido. Barreiro entronca coa vangarda histórica. Foi membro do faladoiro máis famoso de Vigo, a do Goya, posúe unha colección secreta de debuxos eróticos e outra de postais pintadas a man. Como a súa obra, o pintor é unha xanela aberta á vida, á amizade e á arte.

 

Ourense resplandece por dereito propio no mundo da cultura. Faino desde esa xeografía onde o mundo logrou o tamaño exacto, o da pequena gran aldea global, cidade universal, atravesada por un río que é manancial de saber. Barreiro regresa feliz á ágora – propoño chamala augura-, tan feliz como é a súa obra. Ouro para gozar.

 

Alberto Barciela

 

 

 

 

Currículum do artista